INTRODUCIÓN
Este recurso foi deseñado para ser utilizado na área de Ciencias da Natureza nos niveis de 5º e 6º de Educación primaria. A planificación desta secuencia didática está organizada para poñer en práctica a metodoloxía da clase invertida (flipped classroom, véase https://www.theflippedclassroom.es/what-is-innovacion-educativa/ ), aínda que se pode adaptar facilmente a outras propostas metodolóxicas máis clásicas. A través desta secuencia, o alumnado comprenderá, dun xeito máis vivencial, conceptos fundamentais relacionados co medio natural.
OBXECTIVOS
Segundo os obxectivos establecidos no Decreto 105/2014 polo que se establece o currículum para a etapa de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, a través deste recurso didáctico o alumnado desenvolverá os seguintes obxectivos:
-
Coñecer e apreciar os valores e normas de convivencia, aprender a obrar de acordo con elas, prepararse para o exercicio da cidadanía e respectar o pluralismo.
- Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, actitudes de confianza nun mesmo, o sentido crítico, a iniciativa persoal, a curiosidade, interese e creatividade.
- Coñecer e utilizar de xeito apropiado a lingua galega.
- Coñecer aspectos fundamentais das Ciencias da natureza.
- Utilizar diferentes representacións e expresións artísticas e iniciarse na construcción de propostas visuais e audiovisuais.
CONTIDOS
-
Os estados da materia.
-
Os cambios de estado.
-
O sobrearrefriamento.
-
A néboa.
-
O ciclo hidrolóxico.
-
Vocabulario específico sobre a néboa.
CRITERIOS DE AVALIACIÓN
-
Diferenciar os estados da materia.
-
Recoñecer os cambios de estado nunha substancia.
-
Comprender o concepto de sobrearrefriamento.
-
Aprender como se forma a néboa.
-
Explicar as diferentes fases do ciclo hidrolóxico.
-
Coñecer diferentes termos para referirse á néboa.
ESTÁNDARES DE APRENDIZAXE
-
Diferencia os diversos estados da materia e a súas propiedades.
-
Recoñece os cambios de estado nunha substancia.
-
É quen de explicar o proceso de sobrearrefriamento.
-
Explica en que consiste a néboa e como se forma.
-
Identifica cada unha das fases do ciclo hidrolóxico.
-
Utiliza diferentes termos para referirse á néboa.
ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS
Como se avanzou na introdución desta guía, a proposta para este recurso consiste en levar a cabo a metodoloxía da clase invertida, de xeito que sexa o alumnado o que individualmente traballe o recurso para depois levar á aula unha posta en común na resolución de dúbidas, así como desenvolver propostas de traballo grupal. A meirande parte das actividades están plantexadas para realizarse a través do traballo cooperativo e teñen como finalidade abrirse ao resto da comunidade educativa.
ATENCIÓN Á DIVERSIDADE
Este recurso é aberto, é dicir, posúe a característica de ser modificable, de xeito que o docente pode adaptalo segundo as necesidades do alumnado. O carácter multimedia facilita a comprensión dos contidos ao estimular varios sentidos á vez; como suxestión, pódese ir revisando o visionado e deténdose en cada fase para insistir en cada etapa do experimento e repetir a secuencia ás veces que sexa necesario, no caso de alumnado con dificultades de comprensión. Por outra banda, inclúese un apartado "sabías que..." para que aquel alumnado con inquietudes sobre este tema poida ampliar os seus coñecementos.
ACTIVIDADES
ACTIVIDADE 1: posta en común do visionado do vídeo 1 e resolución de dúbidas. Realizar por equipos un libriño con lapelas (lapbook, para máis información consultar o blog http://elcolordelaescuela.blogspot.com.es/2013/03/creando-lapbooks.html) sobre o ciclo hidrolóxico (unha sesión).
ACTIVIDADE 2: actividade individual. Cada alumno fai un resumo dos cambios de estado exemplificando cada un con accións da vida cotiá (unha sesión).
ACTIVIDADE 3: posta en común do visionado 2 e resolución de dúbidas. Elaborar unha presentación no ordenador explicando as fases do ciclo hidrolóxico. A finalidade das presentacións é expoñelas ao alumnado de 1ºe 2º de primaria do centro (tres sesións).
INSTRUMENTOS PARA A AVALIACIÓN
-
Folla de rexistro coa participación durante as clases, exposición de dúbidas e reflexión sobre os contidos.
-
Entrega de traballos (libriño con lapelas, resumo dos cambios de estado e presentacións sobre o ciclo hidrolóxico).
-
Rexistro do traballo individual dentro do grupo (autoavaliación e coavaliación).
Para facilitar o labor docente, recomendamos consultar a listaxe de rúbricas para educación primaria do proxecto EDIA, e adaptalas ás actividades propostas e ao grupo de alumnos:
http://cedec.educalab.es/rubricas/
TEMPORALIZACIÓN
Esta secuencia didáctica está deseñada para ser desenvolvida en cinco sesións.
RECURSOS
RECURSOS DIXITAIS: ordenador (mínimo un por equipo); programa de presentacións e acceso a internet. Para levar a cabo a clase invertida, cada alumno debe ter un ordenador e acceso á rede na súa casa.
RECURSOS MATERIAIS: material funxible do alumnado; cartolinas e diferentes lapelas para realizar o lapbook.