EXPERIMENTO I: O xeo que medra

Ocultar

No seguinte vídeo imos visionar un experimento relacionado cos cambios de estado. Trátase dun experimento sinxelo, pero lembra que se queres facelo, debe estar sempre supervisado por un adulto.

 

Pilar Barros e Susana Camiña. O xeo que medra (CC BY-SA)

EXPLICACIÓN

Como xa sabes, a materia pode presentarse en tres estados: sólido, líquido ou gasoso. O estado no que se presenta unha substancia pode variar se se modifican as condicións de temperatura ou presión, pero a maior parte das substancias aparecen nun estado concreto. Un caso excepcional é a auga, que podemos observala na natureza  nos diferentes estados. 

Cada estado posúe características diferentes:

  • Sólido: teñen unha forma fixa e un volume fixo.
  • Líquido: teñen un volume constante, pero non teñen forma fixa.
  • Gasoso: non teñen nin volume constante nin forma fixa.

As substancias poden cambiar dun estado a outro, como xa avanzamos, se modificamos as condicións ambientais. Podemos distinguir diferentes cambios de estado:   

  1. Solidificación: é o paso de líquido a sólido.
  2. Fusión: é o paso de estado sólido a líquido.
  3. Vaporización: é o paso de estado líquido a gasoso.
  4. Condensación: é o paso de estado gasoso a líquido.
  5. Sublimación: é o paso de estado sólido a gasoso directamente, sen pasar por estado líquido. 
  6. Sublimación inversa: paso de estado gasoso a sólido directamente.

Que pasa no noso experimento? Cando metemos a auga no conxelador, esperamos que esta pase de estado líquido a sólido. Ao deixar a auga durante ese tempo no conxelador  conseguimos baixar a súa temperatura por debaixo dos 0 ºC sen que se conxele. Este proceso chámase sobrearrefriamento.  Cando a auga arrefriada entra en contacto co xeo, comeza a solidificarse, xa que o xeo funciona como un cristal base sobre o que a auga se vai solidificando.