EXPERIMENTO II: Como se forma a néboa?

Ocultar

No seguinte experimento imos reproducir un fenómeno natural como é a néboa no interior dun vaso. Presta atención!

Pilar Barros e Susana Camiña. Como se forma a néboa (CC BY-SA)



EXPLICACIÓN

Como comentamos anteriormente,  a auga é un elemento único, entre outras características, podemos apreciala no medio natural nos tres estados: sólido, líquido e gasoso. Así, podemos ver a auga en estado líquido nos mares, océanos, ríos, lagos, fontes, así como nas augas subterráneas. A auga en estado sólido podemos observala en forma de neve, nos cumios das montañas, nos casquetes polares ou na sarabia, en forma de xeo. E sabemos que o vapor de auga está presente no aire, aínda que non o vexamos. 

Ás veces, percibimos na paisaxe que o aire non é transparente como de costume, e apreciamos a presenza dunha capa branquecina que nos impide mirar ao lonxe e incluso non nos permite ver os obxectos máis próximos coa mesma nitidez que adoitamos. Esa capa branquecina é a néboa. O vapor de auga que está presente no aire e non apreciamos normalmente, ás veces, cando entra en contacto cunha corrente de aire frío, condénsase formando esa masa de pingas diminutas de auga coma se fose unha nube baixa. 

A formación da néboa depende das condicións meteorolóxicas, sendo máis frecuentes en determinados períodos do ano, coma no outono, e en determinados momentos do día, especialmente pola noite. A medida que o sol quenta esa masa de auga, a néboa desaparece.

Paisaxe con néboa
Pilar Barros e Susana Camiña. A néboa (CC BY-SA)

No experimento, o vapor de auga procedente da auga quente que contén o vaso, ao entrar en contacto co aire que arrefrían os xeos, condénsase, quedando esas pingas diminutas de auga entre a auga quente e o coador, no interior do vaso.

Coñecementos previos

Ocultar

Lembra que a auga na natureza está constantemente circulando , o que se coñece como ciclo da auga (ciclo hidrolóxico), que podemos esquematizar en catro grandes fases:

  1. Evaporación: a auga de mares, lagos, océanos, a presente na superficie terrestre e tamén a procedente da transpiración dos seres vivos, evapórase ao quentarse e pasa a fomar parte do aire.
  2. Condensación: ese vapor de auga presente na atmosfera arrefríase, condensándose e formando unha masa de diminutas pingas de auga, as nubes.
  3. Precipitación: esas nubes arrefríanse e as pingas de auga  aumentan de tamaño. Esa auga acaba precipitando en forma de chuvia, neve ou sarabia.
  4. Retorno: a auga precipitada volve á superficie terrestre, a mares, lagos... e parte infíltrase na terra. O ciclo volve comezar.

Sabías que...

Ocultar

A néboa é un fenómeno moi frecuente na nosa comunidade, disto da boa conta a nosa lingua, que conta cunha riqueza léxica para referirse a este fenómeno, indicando se se trata dunha néboa espesa ou máis lixeira: borraxeira, brétema, bruma, calixe, cegoña, fuscallo, neboeira e neboeiro. Podes consultar os diferentes matices destes termos no diccionario da Real Academia Galega: https://academia.gal/dicionario/