INTRODUCIÓN
Este recurso foi deseñado para ser utilizado na área de Ciencias da Natureza, nos niveis de 5º e 6º de Educación primaria. A planificación desta secuencia está organizada para seguir a metodoloxía da clase invertida (flipped classroom, véase https://www.theflippedclassroom.es/what-is-innovacion-educativa/), aínda que se pode adaptar facilmente a outras propostas metodolóxicas máis clásicas. A organización e os obxectos educativos contidos neste recurso permiten que o alumnado desenvolva un aprendizaxe máis autónomo, vivencial e de marcado carácter social, para adquirir conceptos fundamentais relacionados co tema da enerxía.
OBXECTIVOS
Segundo os obxectivos establecidos no Decreto 105/2014 polo que se establece o currículum para a etapa de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, a través deste recurso didáctico o alumnado desenvolverá os seguintes obxectivos:
-
Coñecer e apreciar os valores e normas de convivencia, aprender a obrar de acordo con elas, prepararse para o exercicio da cidadanía e respectar o pluralismo.
-
Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, actitudes de confianza nun mesmo, o sentido crítico, a iniciativa persoal, a curiosidade, interese e creatividade.
-
Coñecer e utilizar de xeito apropiado a lingua galega.
-
Coñecer aspectos fundamentais das Ciencias da natureza.
-
Utilizar diferentes representacións e expresións artísticas e iniciarse na construción de propostas visuais e audiovisuais.
CONTIDOS
-
Composición e funcionamento dun circuíto eléctrico básico.
-
A electricidade: tipos de corrente e materiais condutores e illantes.
-
As formas de enerxía.
-
As fontes de enerxía.
-
Propiedades da enerxía.
-
Consecuencias do consumo excesivo de combustibles fósiles para o medio natural.
CRITERIOS DE AVALIACIÓN
-
Comprender como se xera a electricidade.
-
Aprender a montar un circuíto eléctrico básico.
-
Distinguir entre fontes de enerxía renovables e non renovables.
-
Identificar as diferentes formas de enerxía no medio natural.
-
Reflexionar sobre as consecuencias negativas que o excesivo consumo de enerxía procedente de combustibles fósiles ten para o medio natural.
-
Recoñecer as propiedades da enerxía.
-
Expresarse con corrección de forma oral e escrita.
-
Desenvolver as destrezas necesarias para traballar en equipo.
ESTÁNDARES DE APRENDIZAXE
-
Explica como se xera electricidade e que materiais son condutores ou illantes.
-
Describe os pasos que deben seguirse para compoñer un circuíto eléctrico básico.
-
Clasifica as fontes de enerxía en renovables e non renovables.
-
Identifica as formas de enerxía no medio natural.
-
Reflexiona sobre as consecuencias que o consumo de enerxía procedente de fontes non renovables ten para o medio natural.
-
É quen de expresar os seus traballos con corrección e conforme a norma lingüística.
-
Desenvolve as habilidades necesarias para traballar en equipo.
ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS
Como se avanzou na introdución desta guía, a proposta para este recurso consiste en levar a cabo a metodoloxía da clase invertida, de xeito que sexa o alumnado o que individualmente navegue polo recurso e interactúe con el, para despois levar á aula unha posta en común na resolución de dúbidas, así como desenvolver propostas de traballo grupal. A meirande parte das actividades están deseñadas para realizalas a través do traballo cooperativo, e teñen como finalidade abrirse ao resto da comunidade educativa.
ATENCIÓN Á DIVERSIDADE
Unha das características esenciais deste recurso é que se trata dun recurso aberto, é dicir, o docente pode facer as modificacións que considere necesarias para adaptalo ao seu grupo de alumnos. O carácter multimedia facilita a comprensión dos contidos estimular varios sentidos á vez; como suxestión, pódese ir revisando na aula o visionado dos vídeos e deterse en cada fase do experimento para insistir nos conceptos fundamentais, e repetir a secuencia ás veces que sexa necesario, no caso de alumnado con dificultades de comprensión. Por outra banda, inclúese enlaces onde o alumnado con inquietudes sobre este tema pode ampliar os seus coñecementos.
ACTIVIDADES
ACTIVIDADE 1: posta en común do visionado do vídeo 1 e resolución de dúbidas. Proponse ao alumnado a construción dun circuíto eléctrico básico por grupos (4-5 alumnos). Deben compoñer un escenario con material de refugallo, para darlle sentido ao seu circuíto, por exemplo unha paisaxe de costa cun faro, unha fábrica, un comedor dunha casa, unha aula... (dúas sesións).
ACTIVIDADE 2: visionado do vídeo 2 e resolución de dúbidas. Individualmente proponse ao alumnado realizar un esquema no caderno reflectindo as formas de enerxía e os tipos de fontes de enerxía (unha sesión).
ACTIVIDADE 3: en grupos de 3-4 alumnos, elaborar un díptico no que se expoñan os efectos nocivos para o medio natural provocados polo consumo excesivo de enerxía procedente de fontes non renovables, así como consellos para aforrar enerxía nos fogares. A finalidade desta actividade é imprimir os dípticos e presentalos a outros grupos do centro para que o comenten nas súas casas (dúas sesións). Aula de informática.
INSTRUMENTOS PARA A AVALIACIÓN
-
Folla de rexistro coa participación durante as clases, exposición de dúbidas e reflexión sobre os vídeos.
-
Entrega de traballos: circuíto eléctrico, esquemas e dípticos.
-
Rexistro do traballo individual de cada membro do grupo (autoavaliación).
-
Rexistro da coavaliación dos compañeiros do grupo.
TEMPORALIZACIÓN
Esta secuencia está deseñada para desenvolverse en cinco sesións.
RECURSOS
-
RECURSOS DIXITAIS: ordenador (mínimo un equipo por grupo); procesador de textos e acceso a internet. Para levar a cabo a clase invertida, cada alumno debe ter un ordenador e acceso á rede na súa casa.
-
RECURSOS MATERIAIS: material do alumno; material de refugallo; material para realizar un circuíto eléctrico por cada grupo de alumnos (pila de petaca, cable, interruptor e lámpada).