Saltar navegación

EXPERIMENTO II: Un forno solar

No seguinte vídeo imos aprender como facer un forno solar, para poder aproveitar a enerxía térmica do Sol. Presta atención!

Pilar Barros e Susana Camiña. Un forno solar (CC BY-SA)

EXPLICACIÓN

Nas páxinas anteriores traballamos as diferentes formas de enerxía e cales son as súas propiedades máis importantes. Tamén afondamos nun tipo concreto de enerxía, a enerxía eléctrica. 

Agora trataremos outro aspecto relacionado coa enerxía. Xa temos claro que necesitamos a enerxía para as nosas actividades cotiás, pero... de onde podemos obter a enerxía?

As fontes de enerxía son os recursos e materias utilizados polo ser humano para obter enerxía primaria. As fontes de enerxía poden clasificarse en renovables ou non renovables:

1. Fontes de enerxía non renovables: son aquelas que se consomen a un ritmo máis rápido do que se rexeneran, son limitadas e poden esgotarse. É o caso dos combustibles fósiles, como o carbón, o petróleo ou o gas natural, ou das substancias como o uranio e o plutonio, que se utilizan nas centrais nucleares.

2. Fontes de enerxía renovables: son aquelas fontes que ou ben son ilimitadas, ou ben se rexeneran a un ritmo máis rápido do que se consomen. Entre as fontes de enerxía renovables están a enerxía solar, a hidráulica, a biomasa, a eólica e a xeotérmica.

solpor
Pilar Barros e Susana Camiña. Solpor (CC BY-SA)

A enerxía solar pode aproveitarse mediante placas fotovoltaicas e transformala en enerxía eléctrica. A enerxía hidráulica é a que posúe a auga en movemento; para aproveitar este tipo de enerxía, constrúense centrais hidroeléctricas xunto aos ríos. A enerxía xeotérmica refírese á calor do interior da Terra; en moitos fogares aprovéitase para quentar a auga das billas e da calefacción. A enerxía eólica está presente no vento e pode transformarse en enerxía eléctrica grazas aos aeroxeradores, que son uns grandes muíños colocados en lugares onde sopra habitualmente o vento. Por último, a biomasa é a enerxía química que se pode obter dos restos de materia orgánica, tanto de orixe animal como vexetal. A biomasa pode transformarse en enerxía térmica, eléctrica ou mecánica. 

No noso experimento aproveitamos a calor do Sol para cociñar un ovo; forrando co papel de aluminio e o filme a caixa conseguimos  manter o aire no seu interior; pouco a pouco foi aumentando a temperatura  do aire do interior da caixa e, ao mesmo tempo, foise cocendo o  ovo. A cartolina negra colocada no interior axuda a concentrar a enerxía solar.

Sabías que...

O excesivo uso dos combustibles fósiles ten efectos moi negativos no noso planeta:

-Un dos efectos máis negativos é o coñecido como quecemento global, tamén chamado efecto invernadoiro. Os gases procedentes da combustión acumúlanse na atmosfera, impedindo que se libere a calor procedente do Sol, isto provoca que se eleve a temperatura do aire.

-Esgotamento dos recursos, xa que se trata de fontes non renovables.

-Contaminación do medio natural, debido aos residuos que xeran.

-Chuvia ácida, debido a que os gases procedentes da combustión concéntranse na atmosfera e mestúranse coa auga da chuvia. Esta mestura e prexudicial para os seres vivos.

Por estes motivos todos debemos facer un esforzo por aforrar enerxía e reducir o seu gasto, ademais dos motivos económicos. Se queres aprender algúns trucos para aforrar enerxía cada día nos nosos fogares, pincha no seguinte enlace:

https://www.ocu.org/vivienda-y-energia/gas-luz/informe/como-ahorrar-energia