Cada grupo de traballo debe escoller un elemento ou espazo natural próximo, con valor ambiental, e o cal vos gustaría dar a coñecer. Non é necesario que posúa figura de protección. Pode ser tan pequeno como unha pucharca ou tan grandioso como unha montaña. Para a súa escolla, consultade co profesorado e coas vosas familias, seguro que son de grande axuda.
Debedes fotografalo, localizalo, describilo, valorizalo e difundilo
Para fotografalo
Usade unha cámara ou o voso móbil. Escollede un momento con boa luz. Procurade tirar varias fotografías desde ángulos distintos e con diferentes enfoques, algunhas máis xerais e outros planos de detalle, despois poderedes seleccionar as mellores. Escribide nos pés de foto o nome do espazo e a autoría da imaxe.
Para localizalo
Empregade o visor da Xunta para localizar o espazo escollido. Facede logo unha captura de pantalla e incorporade esta imaxe á vosa produción textual. Non esquezades poñer as ligazóns pertinentes.
Para describilo Nesta parte interesa presentar o elemento ou espazo natural seleccionado de xeito claro e sinxelo, indicando de que tipo de elemento se trata e cales son as súas características. Se posúe algunha figura de protección, haino que facer constar. Lembrade as características deste tipo de textos expositivos: - A información aparece organizada: do xeral ao particular, do máis próximo ao máis afastado ... - As frases deben ser breves e concisas. - O léxico convén que sexa preciso, monosémico.
Para valorizalo
Unha vez que describimos o elemento ou espazo natural, só resta “presentalo publicamente”. Para isto, convén poñer en valor as súas características máis salientables, animando as persoas a coñecelo e coidalo. Se está deteriorado ou sofre abandono, é tamén o momento de denunciar esta situación para intentar poñerlle remedio.
Ademais dos valores ambientais e turísticos que xa coñezades, existen múltiples recursos en internet que poden axudar a obter máis información da zona, como a páxina de Turismo da Xunta de Galicia ou estoutra, Historia de Galicia, máis xeral, pero con datos do patrimonio cultural e natural moi interesantes e cun buscador que nos permite seleccionalos.
Algúns consellos
Para a localización
Para o texto
E unha vez rematado o traballo, Valora o teu medio, só resta dálo a coñecer. Primeiro, incorporádeo á AULA DA NATUREZA virtual, creada conxuntamente coas outras linguas. Coidade a súa presentación!!! E despois, por que non imprimir os textos elaborados sobre os elementos naturais da vosa contorna e difundilos entre a comunidade educativa? Pensade onde os podedes colocar e repartir para que cheguen a máis xente. É un lindo xeito de celebrar o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente: reivindicar o valor ambiental do lugar onde vivimos.
Ademais dos espazos traballados, por que non incorporar Chíos de conservación á AULA DA NATUREZA? Estes Chíos compóñense de dous elementos: unha fotografía e un pequeno texto que a acompaña. O texto pode ser descritivo (obxectivo ou subxectivo) ou de denuncia, pero debe ser breve. Este pode ser un exemplo.