
Podemos atopar múltiples alusións ao desexo de posuír dispositivos que permitiran amplificar o son desde moito antes da aparición da electricidade. As "Casas-son" provistas de "axudas que aplicadas á orella aumentan grandemente a audición" imaxinadas no século XVII por Francis Bacon na súa Nova Atlántida ou o sistema de condutos que levaban o son das prazas da cidade ao interior dunha estancia ideado polo seu coetáneo Athanasius Kircher no Musurgia Universalis (1650) son só dous exemplos da procura de sistemas capaces de engrandecer os sons pequenos e o reflexo dun desexo que se pode rastrexar incluso ata en datas anteriores.
Trompetas parlantes, Athanasius Kircher (CC BY 4.0)
Seguro que tamén nalgunha película ou cómics viches dispositivos como esas trompetiñas que se poñían antigamente na orella e eran utilizadas pola xente con problemas de audición para capturar as vibracións e escoitar mellor. A súa función era precisamente a mesma que no curioso deseño de Kircher, concentrar as ondas sonoras para aumentar a cantidade de enerxía acústica que entra no noso oído.
To assist the hearing, Arallyn! (CC BY 2.0)













