Orientacións e recomendacións de uso
Motivación para a abordaxe do REA
Nesta situación de aprendizaxe búscase que o alumnado perciba as transformacións xeométricas e, máis concretamente, os movementos, como ferramentas de utilidade nun contexto de traballo como o que se faría nun taller de artesanía galega.
Todos os movementos definidos exemplifícanse ao inicio de cada páxina da fase 3, con obxectos de artesanía galega (sapos, cerámica...), poñendo así en valor o patrimonio próximo. Isto conecta o aprendido coa súa contorna e realidade.
O feito de que o produto final sexa unha xoia da amizade, deseñada polo alumnado, que posteriormente poidan empregar, actúa como axente motivador.
Recursos materiais necesarios
Para desenvolver as actividades do REA é necesaria conexión á rede, xa que hai que buscar información, utilizar GeoGebra, ver vídeos, etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a ( 2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.
Respecto das iconas que preceden ós títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrixibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).
As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor rosa, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.
Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo) pódese configurar o gardado da puntuación. Tamén nalgunhas feitas con GeoGebra. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.
Algunhas actividades poden precisar materiais específicos que xa se indican na súa descrición.
O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.
O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrixibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.
Tamén se ofrecen propostas para o uso doutros recursos como a calculadora e/ou da folla de cálculo.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Formación de equipos
Recoméndase grupos pequenos de tres ou catro persoas, preferiblemente heteroxéneos e que se manteñan ao longo de todo o REA.
Os grupos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.
Fichas de traballo
Para algunhas das actividades grupais hai fichas de apoio para recoller o traballo desenvolvido e as respostas consensuadas.
Roles
Nas fichas de traballo grupal aparecen os seguintes roles:
Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, verificando que se entenderon. Media nos conflitos do equipo. Le o enunciado e a información relevante de cada apartado ao resto das persoas do equipo.
Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que estean todas as actividades feitas e da súa entrega en tempo e forma.
Responsable do material: encárgase de ter todo o material. Debe asegurarse de que cando vaia empezar a tarefa todo estea en orde para non perder tempo. Fomenta a participación das demais persoas do equipo.
Axudante: axuda no que faga falta. Se son equipos de catro persoas exerce de portavoz e, se son de tres, esta función pode facela a persoa coordinadora.
Estes roles irán acompañados das normas que habitualmente haxa na aula para manter a orde durante o desenvolvemento das actividades.
Actividades individuais multinivel
O REA, nas fases 2 e 3, inclúe actividades individuais multinivel.
Preséntanse con botóns de opcións: Opción A, Opción B, Opción C.
O obxectivo destas actividades é desenvolver un procedemento, contido ou habilidade, ofrecendo distintas versións, que varían en dificultade ou formato, permitindo ao alumnado escoller a opción que mellor se adapte ás súas necesidades e ao seu ritmo de aprendizaxe.
Avaliación
O REA dispón, na fase 4, dunha rúbrica para avaliar o reto.
Tamén se inclúe unha rúbrica para avaliar o traballo en equipo e outra para a exposición oral.
Todas elas deben ser coñecidas polo alumnado e aplicadas, tanto por este como polo profesorado.
Produtos finais
O produto final é deseñar unha xoia da amizade composta por unha colección de pequenas pezas que, ao colocalas xuntas, encaixen sen deixar ocos. Esta xoia da amizade simboliza unión, por iso as pezas individuais teñen que ter todas a mesma forma e tamaño.
Terán que entregar unha memoria de traballo e as xoias realizadas. Deberán presentar a xoia e explicar o proceso de elaboración ante a clase.
Acadar este reto en grupo implica, ademais de traballar os contidos do REA, traballar a competencia matemática, a competencia dixital, a competencia en comunicación lingüística e o sentido socioafectivo.
No REA, facilítase unha ficha de traballo para a elaboración da memoria e modelo cuadrículado e de puntos isométricos para realizar os bosquexos dos deseños.
Enfoque multinivel do reto
A elaboración do produto final (deseño da "Xoia da amizade") é aberta e permite a elección entre cinco técnicas diferentes de creación de mosaicos o que fai que existan varios niveles de dificultade.
Un posible enfoque sería:
- Nivel básico: xoia con simetría axial.
- Nivel intermedio: xoia con simetría de xiro.
- Nivel avanzado: xoia con varias simetrías.