Mil latexos de papel
O REA "Mil latexos de papel" ten como obxectivo principal acompañar o alumnado na descuberta do seu papel no mundo, como ser social e democrático, fomentando valores fundamentais para unha convivencia baseada na xustiza, a igualdade e a paz. O REA parte da historia de Sadako e a lenda xaponesa das mil grúas de papel, como fío condutor a través do cal achegar o alumnado ao camiño da paz e á non violencia. Visibilizando as consecuencias devastadoras das guerras chegamos ao concepto de migración, o cal ocupa un lugar transversal neste REA, de aí que o reto sexa a creación dunha instalación artística a través dunha maleta. Cada maleta representará unha das realidades sociais propostas (pobreza, igualdade entre homes e mulleres, diversidade cultural, explotación laboral e orientación sexual), simbolizando a necesidade de movemento e cambio da sociedade; conterá unha equipaxe que represente identidade, memoria, carga emocional e historias persoais.
O mundo da arte segue a estar moi latente neste REA, no que se presentan diferentes obras e artistas que empregaron e empregan o seu talento como modo de reivindicación social e visibilización de situacións e colectivos vulnerables. O alumnado dará forma ao aprendido durante o REA elaborando unha instalación artística grupal sobre unha das temáticas sociais propostas, como resposta ao reto. Estas instalacións formarán parte da segunda sala do museo da área de Educación en Valores Cívicos e Éticos. A primeira das salas é a correspondente ao REA "Pinceladas de emocións" e alberga composicións artísticas sobre as emocións. A terceira sala crearase no seguinte REA da área.
Os diferentes bloques do REA están deseñados partindo das características do DUA, de forma que a información e as tarefas preséntanse con diferentes niveis e múltiples formatos tentando chegar ao maior número de realidades individuais do noso alumnado. As actividades propostas son tanto individuais como grupais. O REA parte do achegamento aos fundamentos da vida en sociedade (a familia, a amizade e o amor) resaltando a importancia das regras de convivencia e o cumprimento dos dereitos e dos deberes. Estrutura os contidos en tres bloques principais entrelazados: dereitos humanos; diversidade e activismo; e democracia e ONG.
A través das diferentes propostas búscase que o alumnado entenda que a convivencia é unha tarefa de todos e todas, sen exclusión de xénero, identidade, crenzas, etnia ou procedencia. Con actividades nas que se lle invita a recoñecer as necesidades e sentimentos alleos para construír vínculos baseados no afecto e a solidariedade.
Para sacar o máximo proveito a este REA recoméndase propiciar:
- Diálogo: crear círculos de debate para chegar a acordos e resolver as diferenzas.
- Análise crítica: animar o alumnado a observar situacións da vida cotiá para identificar comportamentos que promovan ou dificulten a igualdade.
- Acción práctica: levar o aprendido máis alá da aula, aplicando o aprendido na vida diaria e no trato coas persoas que nos rodean.