Mil latexos de papel
Este REA (Recurso Educativo Aberto) correspóndese coas unidades 3 e 4 da área de Educación en Valores Cívicos e Éticos da programación de Proens. É un recurso globalizado, que abrangue distintas áreas, dun xeito transversal.
O fío condutor é a creación dun museo. Co desenvolvemento dos retos, configuraremos as obras que darán forma a este espazo, con tres salas definidas (unha para cada reto).
A través deste REA definirase a sala 2 do museo: a creación dunha instalación artística que reflicta os coñecementos adquiridos ao longo do proxecto.
Esta proposta ten como fin mellorar o desenvolvemento global do alumnado, estimulando a expresividade, a sensibilidade social e as capacidades comunicativas. Preténdese favorecer a educación emocional como punto clave na xestión de aprendizaxes. Así como a corresponsabilidade entre todas as persoas sen exclusión de xénero, identidade, etnia ou procedencia, respectando a diversidade e incidindo en conceptos como a convivencia democrática, a xustiza e a paz.
Neste sentido, o REA está vencellado coa unidade 2 "Animación" da área de Educación Plástica e Visual. E coa unidade 5 "A vida política e social" de Ciencias Sociais. Porén, é preciso indicar que se traballan intrinsecamente aspectos da área de Lingua Galega e Literatura.
Os bloques de autocoñecemento e autonomía persoal, sociedade, xustiza e democracia e desenvolvemento sostible e ética ambiental, pretenden facer un percorrido dende a propia persoa ata a súa autonomía, analizando o papel que cada individuo ten na sociedade e a súa responsabilidade para cos e coas demais.
A través da consecución do reto, promóvense as seguintes metas de aprendizaxe:
- Promover e amosar un xeito de convivencia democrática, xusta e inclusiva.
- Definir con claridade os conceptos de democracia, xustiza e paz.
- Interactuar co grupo de forma autónoma, adoptando condutas cívicas e éticas.
- Valorar a arte como expresión de sentimentos e enriquecemento cultural.
- Respectar as intervencións dos demais, valorándoas e recollendo ideas que enriquezan as achegas propias.
- Entender os dereitos humanos como base para unha convivencia empática.
- Valorar o respecto cara á diversidade en todas as súas formas.