Saltar navegación

3. Guía de uso

Onde hai noticia?

O REA segue unha estrutura secuenciada por fases, que é importante ter en conta para a súa correcta implementación na aula. Esta organización permite acompañar progresivamente o alumnado desde a activación de coñecementos previos ata a creación e avaliación dun produto final colectivo, garantindo a coherencia metodolóxica e competencial da proposta.

  • Fase 1: Descrición do reto
    Nesta fase preséntase ao alumnado o reto principal do REA: a creación dun boletín cultural a través dunha redacción colaborativa. O reto introdúcese mediante a análise de exemplos de publicacións e unha pregunta motivadora que conecta coa experiencia do alumnado como consumidor e creador de contidos culturais. Explícase que o proceso culminará coa elaboración e difusión dun boletín colectivo. Iníciase tamén o diario de aprendizaxe.
  • Fase 2: Exploración
    Esta fase está orientada ao traballo cos coñecementos previos do alumnado sobre os medios de comunicación, a cultura e a escrita de textos informativos e divulgativos. A través de actividades guiadas e multinivel, o alumnado activa saberes previos, analiza modelos de textos e identifica características propias dos diferentes xéneros que poden formar parte do boletín (novas, entrevistas, recensións, recomendacións…).
  • Fase 3: Conexión

Nesta fase o alumnado reflexiona sobre o funcionamento da súa redacción a través do diario de aprendizaxe (organización, roles, toma de decisións e dificultades). Ao mesmo tempo, revisa e mellora os seus textos atendendo ás propiedades textuais (coherencia, cohesión e adecuación) e á reflexión sobre o uso correcto e expresivo da lingua galega. Trátase dunha fase clave para reescribir, mellorar os textos e optimizar o traballo en equipo de cara ao reto final.

  • Fase 4: Reto final
    Desenvolvemento do reto principal do REA: a elaboración do boletín cultural. O alumnado organiza a redacción, reparte roles e tarefas, selecciona contidos e elabora os textos, aplicando os coñecementos adquiridos sobre escritura, revisión e comunicación. Tamén se inclúe o proceso de edición e maquetaxe do boletín.
  • Fase 5: Conclusión
    Exposición e presentación dos produtos finais, ben no propio grupo-aula ou nun espazo compartido do centro (taboleiro, web, revista escolar…). Complétase o proceso mediante actividades de coavaliación, autoavaliación e reflexión final, que permiten valorar tanto o resultado como o proceso de aprendizaxe vivido.

Este REA permite a súa vinculación con datas significativas do calendario educativo e cultural, especialmente aquelas relacionadas coa promoción da lingua e da cultura, como o Día das Letras Galegas, favorecendo a contextualización das actividades e a súa conexión coa vida do centro e da comunidade educativa.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)