Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Para o desenvolvemento deste REA é preciso contar cos seguintes recursos:

  • Recursos dixitais:
    Ordenador ou tableta con conexión a internet, acceso á plataforma eXeLearning e a ferramentas básicas de edición de texto e, se se considera, de maquetaxe dixital (procesadores de texto, presentacións ou ferramentas de deseño sinxelo) para a elaboración do boletín cultural.
  • Recursos físicos:
    Caderno ou soporte equivalente para anotacións, así como materiais básicos de aula (papel, cartolinas, bolígrafos, rotuladores…) que poidan empregarse para a planificación, elaboración de borradores ou deseño do boletín en formato físico. Requírese tamén un espazo que facilite o traballo cooperativo e a organización da redacción.

O REA dispón, ademais, dos seguintes materiais propios:

  • Material descargable, que recompila nun único documento os textos, guías e recursos necesarios para o seguimento das actividades, facilitando a consulta e o acceso á información por parte do alumnado.
  • Diario de aprendizaxe, empregado como ferramenta de reflexión individual e grupal ao longo de todas as fases do REA, que permite rexistrar ideas, emocións, dificultades, avances e valoracións sobre o proceso creativo e de aprendizaxe.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

  • Agrupamentos de 3 ou 4 membros, con posibilidade de adaptación puntual segundo a actividade.
  • Preferencia por grupos heteroxéneos, atendendo á diversidade de capacidades, intereses e estilos de aprendizaxe.
  • Presenza de interdependencia positiva, de modo que o traballo do grupo dependa da colaboración efectiva de todas as persoas integrantes da redacción.
  • Existencia de responsabilidade individual e grupal, claramente definida en cada tarefa do proceso de elaboración do boletín.
  • O profesorado poderá orientar a asignación de roles dentro do grupo (redacción de textos, revisión lingüística, coordinación, selección de contidos, maquetaxe, deseño visual…), garantindo unha participación equilibrada.
  • Cada grupo elaborará unha parte do boletín cultural (artigos, entrevistas, críticas, recomendacións…), que se integrará no produto final colectivo do REA.
  • A contribución individual de cada alumno/a quedará recollida no diario de aprendizaxe, permitindo facer seguimento do proceso e da implicación persoal.

Produtos finais

  • O boletín cultural será o produto final do REA, desenvolvido segundo as indicacións da fase 4.

  • O boletín deberá reflectir os contidos traballados ao longo da situación de aprendizaxe, especialmente a produción e revisión de textos xornalísticos e divulgativos, o traballo coas propiedades textuais (coherencia, cohesión e adecuación) e a capacidade de comunicar información cultural de maneira clara, organizada e axeitada, así como o uso correcto e expresivo da lingua galega.

  • Como complemento ao produto final, cada alumno/a elaborará o seu diario de aprendizaxe, no que se recolla o proceso persoal e grupal seguido durante o REA, incluíndo a reflexión sobre o funcionamento da redacción, o traballo en equipo e a mellora das propias producións escritas.

Enfoque multinivel do reto

  • O REA contempla actividades multinivel ao longo de todas as fases co obxectivo de atender a diversidade do alumnado e os distintos ritmos, intereses e estilos de aprendizaxe presentes na aula.
  • O boletín cultural final poderá adoptar estruturas, formatos e niveis de complexidade diferentes, en función do grao de profundidade do traballo realizado, do interese do alumnado e das súas capacidades expresivas. Cada estudante poderá participar no reto asumindo roles diversos e axustados ás súas fortalezas, garantindo así unha implicación real e significativa no proceso de aprendizaxe. 

Avaliación

Os instrumentos de avaliación que presenta o REA son:

  • Rúbricas
  • Lista de cotexo

Feito con eXeLearning (Nova xanela)