Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Para o desenvolvemento deste REA será preciso contar con dispositivos dixitais (ordenador ou tableta) con acceso a Internet, así como aplicacións ou ferramentas sinxelas de gravación e edición de audio (por exemplo, Audacity).

Será recomendable dispoñer de auriculares e, se é posible, micrófonos externos que melloren a calidade da gravación do pódcast. En caso de non contar con estes, pódense empregar os micrófonos integrados dos dispositivos. En case todas as aulas de Polos Creativos hai material de gravación de son e vídeo. Se non estás afeito a usar ese espazo nin o seu material, este REA pode exercer a motivación perfecta para que comeces a facelo. Este espazo adoita estar organizado de maneira que se poida traballar en gran grupo como en pequenos grupos, favorecendo a comunicación e a gravación en condicións axeitadas. Para as fases de gravación, será conveniente buscar espazos con pouco ruído ou organizar quendas para evitar interferencias.

Tamén serán necesarios altofalantes de calidade para a escoita das pezas musicais propostas, fundamentais para o traballo de análise e escoita activa.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Considerando a natureza colaborativa das actividades propostas neste REA, suxerimos diferentes estratexias de agrupamento para promover a participación activa e o traballo en conxunto do alumnado. Algúns dos métodos propostos inclúen:

  • Grupos heteroxéneos: formación de grupos que reúnan alumnado con diferentes niveis de habilidades e coñecementos, proporcionando oportunidades de aprendizaxe entre compañeiros e estimulando a colaboración.
  • Grupos de interese: agrupamento dos alumnos en base aos seus intereses comúns relacionados coa música tradicional, incentivando a participación activa e a motivación intrínseca.
  • Parellas de aprendizaxe: traballo en parella, onde os alumnos poden compartir ideas, resolver problemas e apoiarse mutuamente no desenvolvemento das actividades, promovendo a responsabilidade compartida e a construción de relacións.
  • Equipos rotativos: organización dos estudantes en equipos que alternan as súas composicións ao longo das actividades, permitindo que todos os alumnos traballen en diferentes grupos e amplíen as súas habilidades de colaboración e comunicación.

Ao seleccionar a modalidade de agrupamento máis axeitada para cada actividade, o profesorado pode proporcionar un ambiente inclusivo e estimulante, onde todos os alumnos teñan a oportunidade de contribuír e aprender uns dos outros.

Ao longo do REA propóñense actividades grupais, algunhas delas propoñendo estruturas de traballo cooperativo concretas. Non obstante, a persoa docente é libre de seleccionar outras estruturas cooperativas nas que o alumnado teña máis experiencia ou preferencia.

Neste recurso a elaboración do produto final é colectiva. A elaboración deste produto final require do emprego dun amplo repertorio de habilidades tanto cognitivas como expresivas, polo que a tarefa supón un enorme reto para realizarse de forma individual. Con todo, queda ao xuízo do docente realizar outro tipo de agrupamento que permita garantir que o alumnado aplique o que aprendeu.

Produtos finais

O produto é un pódcast ou programa de radio, incorporando os elementos esencias como a sintonía, as cuñas publicitarias e fragmentos musicais de cancións de distintos estilos.

A súa presentación poderá realizarse mediante a publicación nunha plataforma dixital, a difusión na comunidade educativa, converténdose nunha experiencia significativa que integra as competencias adquiridas.

Enfoque multinivel do reto

Este REA permite atender á diversidade do alumnado mediante a flexibilización dos roles e das tarefas dentro do grupo.

O alumnado pode participar en diferentes funcións segundo os seus intereses e capacidades: investigación de contidos, selección musical, redacción de guión, locución, edición de audio ou coordinación do equipo.

As tarefas poden adaptarse en complexidade, desde análises máis guiadas ata reflexións máis autónomas e críticas. Do mesmo xeito, o produto final admite diferentes niveis de profundidade, tanto na estrutura do pódcast como no tratamento da información.

Este enfoque favorece o desenvolvemento de distintas habilidades (comunicativas, dixitais, creativas, sociais), permitindo que todo o alumnado contribúa ao produto final desde as súas fortalezas.

Rol docente

O docente actúa como guía e facilitador do proceso de aprendizaxe, acompañando o alumnado na investigación, análise e creación do pódcast. Proporciona modelos, orienta na selección de información e músicas e axuda a estruturar o traballo, especialmente nas fases de guionización, gravación e edición.

Ademais, promove un clima de participación activa, fomenta o traballo cooperativo e adapta as propostas ás necesidades do alumnado, garantindo que todo o grupo poida contribuír ao produto final desde as súas capacidades.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)