Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións para o maior aproveitamento posible do REA.
Recursos materiais necesarios
Para desenvolver as actividades do REA é necesaria a conexión á Rede, xa que hai que buscar información, utilizar GeoGebra, ver vídeos etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a (2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.
Respecto das iconas que preceden ós títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrixibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).
As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor morado, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.
Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo), pódese configurar o gardado da puntuación. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.
Para a elaboración do informe son precisas cartolinas e material de debuxo, tabletas ou PD para gráficas. Ademais para o desenvolvemento do reto é imprescindible o material de laboratorio e produtos de laboratorio para realizar as diferentes prácticas.
O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, autenticándose coa conta corporativa.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Neste REA propóñense actividades individuais e grupais, considerando as seguintes premisas:
Recoméndase a creación de grupos de 4 alumnos/as. Logo, terán que expoñer o seu resultado ao resto de compañeiras/os.
Coas actividades grupais preténdese que o alumnado traballe de forma cooperativa e colaborativa. Desta forma, búscase que o alumnado desenvolva as súas competencias sociais e cívicas mediante a realización de tarefas á vez que desenvolven a súa autonomía persoal. O obxectivo é que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións baseadas no consenso. Para iso, recoméndase ao profesorado que leve a cabo este REA considerando:
- Organizar o alumnado en función das súas diferentes capacidades.
- Asignar a cada alumno/a unha función no grupo na que desenvolva as súas capacidades.
- Crear un clima de traballo positivo e participativo.
- Tamén existen actividades individuais (multinivel) que procuran adaptarse a diferentes estilos ou ritmos de aprendizaxe.
Produtos finais
O produto final consiste na elaboración dun informe técnico (en formato papel, dixital ou póster) onde o alumnado resolve un reto vinculado á conquista romana de Gallaecia. Neste documento, o estudantado debe integrar os coñecementos de física e química mediante a resolución dunha das catro liñas de investigación propostas (pontes, metalurxia, loxística ou campamento).
O informe debe recoller obrigatoriamente:
- O proceso científico: formulación dunha hipótese inicial e descrición dos pasos seguidos.
- Cálculos de magnitudes: conversión de unidades romanas ao Sistema Internacional ou cálculo de densidades.
- Análise da materia: creación de gráficas de quecemento/arrefriado ou explicación dos cambios de estado.
- Estudo de gases: aplicación das leis dos gases ou uso da teoría cinética para explicar fenómenos físicos.
- Conclusións: validación da hipótese e proposta dunha solución técnica xustificada.
Enfoque multinivel do reto
O enfoque multinivel do reto establécese, principalmente, na elección do camiño a seguir por parte do alumnado durante o desenvolvemento das actividades.
Os equipos elixen a súa liña de investigación (pontes, metalurxia, loxística ou campamento). Isto permite que o alumnado se sinta protagonista da súa aprendizaxe e conecte coa parte da ciencia que máis lle interesa adaptándose ao seu nivel.
O informe final pode presentarse en papel (formato clásico) ou dixital (presentacións) ou mediante pósteres científicos.
Permítese o uso de diferentes recursos, desde o debuxo a man e o uso de material de laboratorio, ata o deseño de gráficas por ordenador.