IMPRESSións do pasado
O REA "IMPRESSións do pasado" propón unha situación de aprendizaxe colaborativa na que o alumnado deberá elaborar unha presentación na que se inclúa unha entrevista, recursos multimedia e efectos e publicala na Rede. Ao longo do REA, o alumnado vai desenvolvendo progresivamente habilidades básicas de LibreOffice Impress, incluíndo o traballo con diferentes formatos, o manexo de diapositivas, a inserción de imaxes, táboas, gráficos, sons e vídeos e o manexo das animacións e transicións. Os estudantes tamén aprenden a publicar e interactuar na Rede, en particular, na ferramenta Board de Moodle ou Taboleiro do EVA E-Dixgal. O alumnado aplica estes coñecementos nun reto final no que cada grupo fai unha presentación referida a un eido da sociedade e a súa evolución nos últimos 50 anos.
A secuencia didáctica do REA consta das seguintes fases:
- Fase 1: motivación → Introdución ao reto e contextualización dos distintos eidos da vida que evolucionaron de xeito salientable nos últimos anos.
- Fase 2: exploración → Revisión dos coñecementos adquiridos previamente sobre: formatos e xestión de arquivos, manexo de distintas ferramentas ofimáticas e representación da información mediante táboas e gráficas.
- Fase 3: conexión → Novos conceptos sobre presentacións e publicación de contidos na Rede, facendo uso de LibreOffice Impress e Moodle Board ou o Taboleiro do EVA E-Dixgal.
- Fase 4: reto final → Elaboración de unha presentación sobre un eido da vida hai 50 anos, publicación na Rede e interacción coas publicacións doutros grupos.
- Fase 5: conclusión → Exposición e posta en común das presentacións realizadas por cada equipo, auto e coavaliación.
Nos seguintes apartados detállanse diferentes orientacións didácticas para o profesorado, así como recursos e solucións para empregar este recurso educativo aberto na aula.