Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

  • Para empregar este REA será necesario contar cun ordenador con conexión a Internet para cada estudante, tanto para o traballo individual como grupal.
  • O software demandado é de carácter libre e é de acceso vía online ou está instalado nos equipos Abalar da Consellería (LibreOffice Impress, navegador web e plataforma Moodle).
  • Tamén se recomenda dispoñer de auriculares para escoitar entrevistas ou audios.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Recoméndase a creación de grupos de 3 alumnos/as, que asigna o profesorado.

Cada grupo traballará sobre un ámbito da vida hai 50 anos (educación, saúde, transporte etc.).

Para o anterior, a hora de poñer en práctica o REA na aula, recoméndase ao profesorado que teña en conta as seguintes pautas:

  • Organizar o alumnado en función das súas diferentes capacidades para crear equipos nos que cada integrante faga as súas achegas, tendo en conta que hai unha importante parte individual.
  • Crear un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.
  • Fomentar a autonomía na busca de información, selección de contidos e elaboración da presentación.
  • Guiar o alumnado no uso responsable de imaxes e contidos (licenzas, dereitos de autor etc.).

Produtos finais

O produto do reto é unha presentación dixital en grupo, na que se recolla unha comparación entre a vida hai 50 anos e a actualidade nun ámbito concreto.

Cada grupo deberá elaborar:

  • Unha presentación en Impress (formato .odp).
  • Unha versión exportada a PDF.

Ademais, o alumnado realizará:

  • Unha exposición oral do traballo.
  • A publicación na Rede mediante Moodle Board ou o Taboleiro do EVA E-Dixgal.

Publicación do traballo (Moodle Board)

Debido ás características do Moodle Board, non é posible subir directamente arquivos PDF ou presentacións completas, polo que se seguirá o seguinte procedemento:

  1. Cada grupo preparará un cartafol co seu traballo, que incluirá:
    • O arquivo da presentación (.odp).
    • O PDF exportado.
    • As imaxes empregadas (se é necesario).
    • Os vídeos ou sons empregados.
  2. Ese cartafol será comprimido (.zip ou .rar).
  3. O grupo subirá o arquivo comprimido a un foro do curso en Moodle. Cómpre configurar un tamaño máximo para os arquivos adxuntos axeitado.
  4. A continuación, cada grupo creará unha publicación en Board que inclúa:
    • O título do traballo.
    • Unha breve descrición.
    • Unha imaxe representativa.
    • Unha ligazón á súa publicación no foro.

Deste xeito, Moodle funciona como repositorio dos arquivos e Moodle Board como escaparate dos traballos.

Ademais, o alumnado poderá visualizar os traballos doutros grupos e interactuar con eles mediante comentarios.

NOTA: Cómpre sinalar que o recurso Board de Moodle pode aparecer co nome de "Tablero" ou Taboleiro no EVA E-Dixgal. Isto non afecta a súa funcionalidade.

Enfoque multinivel do reto

O reto está deseñado cun enfoque multinivel, que permite que todos os grupos elaboren unha presentación dixital adaptada ás súas capacidades, intereses e necesidades, variando a tipoloxía do contido, a profundidade da información e o nivel de complexidade.

Tal e como se recolle no apartado 4.1 do REA, establécense uns mínimos comúns para todo o alumnado:

  • Elaboración dunha presentación estruturada.
  • Inclusión dunha entrevista en formato son ou vídeo.
  • Incorporación de recursos multimedia básicos.
  • Uso de animacións e transicións.
  • Diapositiva de reparto de tarefas, e diapositiva de créditos coas fontes de información.

A partir destes mínimos, cada grupo poderá afondar segundo o seu nivel:

  • Mellorar o deseño visual da presentación.
  • Incorporar elementos multimedia adicionais (máis imaxes, vídeos, sons, táboas, gráficas...).
  • Enriquecer o contido con información máis detallada, ou mellor estruturada.
  • Establecer relacións entre distintos aspectos do ámbito traballado.
  • Calquera outro aspecto que mellore a presentación ou a publicación na Rede.

Uso de fontes e materiais

Para a elaboración da presentación, o alumnado debe: 

  • Empregar imaxes con licenza libre.
  • Citar as fontes utilizadas.
  • Contrastar a información obtida.
  • Facer a entrevista en formato .mp4 e .avi para vídeo e en formato .wav e .mp3 para audio.

Avaliación parcial do REA

O REA está temporalizado entre o segundo e o terceiro trimestre. Por iso, está deseñado de tal maneira que é posible a súa avaliación parcial.

Neste sentido, ao longo da fase 3, inclúense unha serie de listas de cotexo vencelladas aos adestramentos. Estes instrumentos permiten ir avaliando o progreso do alumnado antes de chegar ao reto.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)