| Título | Guía didáctica do recurso "Quen ten boca, ten pódcast!" |
|---|---|
| Descrición |
Esta é a guía do profesorado do REA (Recurso Educativo Aberto) número 3 -dun total de 6- elaborado no marco do proxecto cREAgal para a materia de Lingua Galega e Literatura de 2º ESO de Educación Secundaria Obrigatoria. A situación de aprendizaxe ten como obxectivo principal que o alumnado integre nos seus coñecementos unha parte dos bloques de contido do currículo de 2º da ESO da materia de Lingua Galega e Literatura. Estes céntranse nos procesos de produción, comprensión e análise crítica de textos orais, escritos e multimodais; na lectura autónoma; e na lectura guiada. Ademais de contidos relacionados co funcionamento do sistema lingüístico, de índole semántico, sintáctico, morfolóxico e gramatical. Tamén busca incorporar estratexias de resolución de problemas e de traballo en equipo, a través de situacións reais, motivadoras que requiran distintos niveis de dificultade. O reto consiste na elaboración dun pódcast de maneira colaborativa, traballando transversalmente os diferentes contidos durante este proceso. O alumnado, co seu equipo, establecerá a temática do seu pódcast, elaborará un guión e encargarase de toda a produción, preprodución e posprodución. Neste pódcast integrarán unha entrevista e un debate, dous tipos de texto traballados neste REA. Ademais, abordaranse contidos relacionados coa novela e os subxéneros narrativos, a semántica, os tipos de oración, a linguaxe figurada e os textos expositivos. |
| Persoas elaboradoras |
Laura Balboa Aira Eva González Álvarez Tamara Rial Montes |
| Organización |
Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Xunta de Galicia. |
| Licenza | Licenza Creative Commons Atribución Non comercial Compartir igual 4.0 |
Este contido foi creado con eXeLearning, o editor libre e de fonte aberta deseñado para crear recursos educativos.
