Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recomendacións para o maior aproveitamento posible do REA.

Recursos materiais necesarios

Para desenvolver as actividades do REA é necesaria conexión á rede, xa que hai que buscar información, utilizar GeoGebra, ver vídeos, etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado (a 2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.

Respecto das iconas que preceden aos títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrixibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).

As iconas de cor verde están relacionadas co reto, e as de cor morado con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.

Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo), pódese configurar o gardado da puntuación. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.

O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.

O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrixibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Ideas para o profesorado sobre a formación de equipos:

  • Deben ser de tres ou catro persoas (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar a nivel actitudinal, pero é mellor equipos pequenos).
  • É recomendable que sexan heteroxéneos aínda que, puntualmente, para algunha actividade poden ser homoxéneos.
  • Os equipos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.

Roles:

  • Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, asegurándose de que todas as persoas as entenderon. Media nos conflitos que poidan xurdir dentro do equipo.
  • Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que todas as actividades estean feitas e entregadas en tempo e forma.
  • Responsable: organiza o material e os recursos necesarios. Fomenta a participación de todas as persoas do equipo.
  • Portavoz: comunícase con outros equipos e co/a docente. Expón os resultados e as conclusións do equipo.

Se o equipo está formado por tres persoas, esta función pode asumila a persoa coordinadora.

Estes roles deberán acompañarse das normas habituais da aula, para manter a orde e garantir un bo desenvolvemento das actividades.

Produtos finais

O produto final do REA consiste na elaboración dun posto para a feira de ciencia e gastronomía que terá lugar no centro educativo.

Proponse ao alumnado diferentes xeitos de abordar os sistemas materiais a través deste posto.

O alumnado disporá dunha ficha que o axudará no traballo en equipo a elaboración do informe (ver fase 4).

Enfoque multinivel do reto

A elaboración do espazo deséñase como unha actividade multinivel xa que o alumnado pode escoller múltiples temáticas e tamén múltiples medios de expresión.

As temáticas propostas son:

  • Clasificación da materia en substancias puras e mesturas
  • Preparación de disolucións
  • Separación de mesturas

En todos os casos poden escoller sistemas materiais de menor ou maior complexidade para o reto. O profesorado poderá facer outras propostas máis específicas se así o considera para adaptarse á realidade da súa aula.

Ademais, o alumnado deberá realizar unha demostración ou experimento, que é elixido por cada grupo, dándolle liberdade á hora de abordar o traballo de divulgación.

É importante que os grupos de traballo sexan heteroxéneos para garantir a aprendizaxe horizontal e o apoio entre o alumnado.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)