3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:

Recursos materiais necesarios

O REA está deseñado para permitir ao profesorado adaptar as propostas de traballo para o alumnado aos recursos dispoñibles.

Para a presentación do REA e as tarefas individuais e de grupo das fases 2 e 3: un equipo informático.

Para o deseño de cartelería da Fase 3, que é un reto dentro da situación de aprendizaxe, non se determina o procedemento de elaboración. Recomendacións segundo os tres tipos de recursos:

  • Sen medios dixitais: uso de cartolina, tesoiras, pegamento e outros materiais comúns da aula.
  • Con aplicativos sen conexión a Internet: uso de LibreOffice Draw para a elaboración dos carteis. Hai que ter en conta que este tipo de aplicativos non permite o traballo compartido sobre o mesmo produto.
  • Co uso de servizos en Internet: utilización da plataformas como AbalarBox ou Polotno como soporte para o traballo colaborativo de creación de cartelería ou outras creacións.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

A primeira proposta de tarefa de grupo do REA vai dirixida a todo o grupo-clase, co dobre obxectivo de motivar e activar os coñecementos previos do alumnado

Na fase 2 organízanse grupos heteroxéneos para descubrir o que sabemos sobre as características que deeb ter un bo xogo, co obxectivo de que o alumnado sexa capaz de seleccionar os xogos que mellor se adapten ao seu espazo de lecer. Recoméndase que esos grupos traballen xuntos ao longo de todo o REA.

No REA non se fai mención ao número de alumnas e alumnos que integran cada grupo pois dependerá da totalidade do alumnado. De ser posible o número debería estar en torno a 6, aínda que iso supoña a redución de grupos.

Produtos finais

O REA consiste na dinamización do recreo en estacións de xogos. O alumnado de 5º deberá investigar sobre o recreo do centro e facer unha proposta de xogo co obxectivo de que todos os nenos e nenas teñan facilidades para xogar durante o tempo de lecer.

Tamén existen dous pequenos retos que se lle propón ao alumnado:

  • Investigación do recreo a través de entrevistas de elaboración propia
  • Creación da cartelería de cada un dos xogos que se ofrecerán na proposta

Enfoque multinivel do reto

Tanto os retos como as tarefas individuais preséntanse multiniveladas, con varias opcións identificadas coas letras A, B e C. O alumnado pode escoller segundo o seu criterio calquera das actividades individuais, no diario de aprendizaxe existen apartados específicos para que a alumna e o alumno expliquen, si así o consideran, os motivos da elección.

O reto de organizar unha proposta de dinamización dos espazos do recreo preséntase coa libertade de que é o alumnado o que vai escoller os xogos que levarán ao patio. Para iso deberán ter en conta toda a información obtida nas entrevistas feitas aos seus compañeiros e compañeiras. Que xogos gustan máis? Cales menos? Hai espazo para xogar? Que problemas se atopan cando van a xogar?

O profesorado pode orientar e recomendar actividades.

Diario de aprendizaxe

O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.

No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario. Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital como a man e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente decida:

  • Opción A: O diario pódese imprimir en formato "libriño" en A5, un tamaño razoable e funcional se decidimos que os nosos alumnos e alumnas o leven ao pavillón ou ximnasio (espazo de xogo) e poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
  • Opción B: O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
  • Opción C: O diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).

Búscase ter o maior tempo motriz polo que, aínda que a reflexión e análise sexan parte da aprendizaxe, débese pensar a mellor maneira de utilizalo en base as características do noso alumnado, a tipoloxía, infraestrutura e características do noso centro e material tecnolóxico dispoñible (no centro e fogares do alumnado).

Sesións de Educación Física de compromiso motor

As sesións de EF con compromiso motor estarán centradas na práctica de xogos. Nunha das sesións motrices practicaranse os xogos obtidos nas entrevistas, e na segunda sesión motriz simularase practicarase a posible proposta de dinamización dos espazos do aptio, cos xogos que más nos encaixaron para o noso recreo.

Hai que ter en conta que o REA está deseñado seguindo a programación modelo de Proens, o que implica que ten unha duración de 4 sesións. Destas, dúas son en aula e outras dúas son de compoñente puramente motriz. O REA complementase aproveitando dous recreos.

A planificación das sesión que se describen no apartado "2.2. Temporalización" debe entenderse como unha proposta de organización que logo o docente deberá concretar segundo as características do alumnado, recursos e instalacións dispoñibles.

Modelos de sesión para a elaboración de sesións desta situación de aprendizaxe:

Acceso ao documento en PDF.

Acceso ao documento en formato editable.

Tratamento da diversidade

O REA do alumnado ten as opcións de lectura facilitada, audio e apoio visual como complemento para todo aquel alumnado que necesite máis opcións de comprensión que a principal que se ofrece. A maiores, debemos recordar que as sesións motrices tamén deben ter en conta o deseño DUA. Polo que se recomendo elaborar as sesións tendo en conta as características do voso grupo clase.