Saltar navegación

3.3. Saímos do labirinto

Lupa e lentes, erros evidentes!

pictograma dunha detective.Agora que xa está listo o texto da banda deseñada, chega o momento de asegurarte de que non contén erros lingüísticos para poder trasladalo logo á versión final. Pero desta vez non vai ser a túa profesora ou profesor quen se encargue diso, senón que serás ti quen demostrarás que tamén sabes coller lupa e lentes e detectar erros evidentes.

A continuación, dispós dunha rúbrica que che axudará a detectar erros, corrixilos e valorar os textos. Para poder facelo, xúntate co teu equipo e intercambiade o texto con outro dos grupos da clase, de xeito que cada equipo teña un texto que non sexa o seu.

Recordatorio de normas importantes

Acentuación

Regras de acentuación:

  • Agudas: acentúanse cando rematan en vogal, -n ou -s.
  • Graves: acentúanse cando rematan en consoante distinta de -n ou -s.
  • Esdrúxulas: acentúanse sempre.

Ortografía

Lembra certos aspectos importantes:

  • Os grupos -cc- e -ct- simplifícanse cando van despois de -u- e -i- (dicionario, ditado, construción, construtora), agás unhas poucas excepcións.
  • Escríbense con b palabras como: móbil, marabilla, polbo...
  • Escríbense con v palabras como: avogado, voda, varrer, gravar, covarde...

Gramática

Algúns aspectos importantes: 

  • Os tempos compostos non existen en galego (é incorrecto empregar formas como *hei feito, *había dito ou *houbese conseguido; temos que dicir fixen, dixera ou conseguise).
  • O posesivo adoita precisar case sempre dun artigo (a forma correcta é "Esa é a miña casa", e non "*Esa é miña casa").
  • O pronome átono aparece case sempre posposto aos verbos (díxome) agás en certas excepcións (oracións negativas, interrogativas, subordinadas con "que"...). Podes aprender máis sobre isto picando nesta ligazón (ogalego.gal).

Lectura facilitada

Acentuación

Regras para poñer acentos.

  • As palabras agudas levan acento cando rematan en vogal, -n ou -s.
  • As palabras graves levan acento cando rematan en consoante que non sexa -n ou -s.
  • As palabras esdrúxulas levan acento sempre.

Ortografía

Lembra cousas importantes.

  • Os grupos -cc- e -ct- fanse máis simples despois de -u- e -i-.
    Por exemplo: dicionario, ditado, construción, construtora.
    Hai poucas excepcións.
  • Escríbense con b palabras como: móbil, marabilla, polbo.
  • Escríbense con v palabras como: avogado, voda, varrer, gravar, covarde.

Gramática

Algúns aspectos importantes.

  • Non hai tempos compostos en galego.
    É incorrecto dicir *hei feito, *había dito ou *houbese conseguido.
    Debemos dicir fixen, dixera ou conseguise.
  • O posesivo case sempre precisa dun artigo.
    A forma correcta é "Esa é a miña casa".
    Non é correcto "*Esa é miña casa".
  • O pronome átono vai case sempre despois do verbo.
    Por exemplo: díxome.
    Hai excepcións como oracións negativas, interrogativas ou subordinadas con "que".

Podes aprender máis picando nesta ligazón (ogalego.gal)

Ferramentas de utilidade

Realizar o proceso de revisión resultarache máis doado se contas con certas ferramentas que poidan axudarche. Recorda que podes empregar:

  • Dicionario da RAG: serache útil se non coñeces unha das palabras do texto, se queres comprobar como se conxuga algún verbo ou se precisas buscar un sinónimo dalgunha palabra.
  • Dicionario Rinoceronte: este dicionario castelán-galego poderache resultar de gran axuda se non coñeces a forma correcta en galego dalgunha palabra en castelán.
  • Dicionario Estraviz: trátase doutro dicionario, ademais do da RAG, que tamén pode resultarche interesante.

Abre ben os ollos

Lede o texto que vos tocase e prestade atención a cada un dos criterios que se indican na rúbrica. Con eles conseguiredes detectar erros, corrixilos e así valorar a creación das vosas compañeiras e compañeiros. Para iso, guiándovos coa rúbrica, marcade no propio texto cada tipo de erro dunha cor diferente (por exemplo: vermello para acentuación, verde para ortografía, laranxa para gramática e azul para léxico). Logo, aplicade esta táboa para valorar o resultado global (botón

Rúbrica para a revisión.
 Excelente!Bo traballo!En procesoCómpre revisalo
AcentuaciónOs acentos gráficos respectan as normas de acentuación e as dos acentos diacríticos. Hai entre 0 e 3 erros. (2.5)Os acentos están ben postos, en xeral, pero detéctanse entre 4 e 7 erros. (1.75)Existen bastantes deficiencias na acentuación: entre 8 e 11 erros. (1.50)Detéctanse máis de 11 erros de acentuación. (1.25)
OrtografíaEn xeral, a ortografía é correcta (b/v; h; cc/ct etc.): hai entre 0 e 5 erros. (2.5)A ortografía é, en xeral, correcta: entre 6 e 10 erros. (1.75)A ortografía ten bastantes deficiencias: entre 11 e 15 erros. (1.50)A ortografía é moi deficiente: máis de 15 erros. (1.25)
GramáticaA gramática é correcta: entre 0 e 4 erros. (2.5)Detéctanse entre 5 e 8 erros de gramática (tempos verbais, colocación do pronome, posesivo co artigo etc.). (1.75)Detéctanse entre 9 e 12 erros de gramática (tempos verbais, colocación do pronome, posesivo co artigo etc.). (1.50)Detéctanse máis de 12 erros de gramática (tempos verbais, colocación do pronome, posesivo co artigo etc.). (1.25)
LéxicoO léxico é, na súa gran maioría, correcto e sen castelanismos: entre 0 e 4 erros. (2.5)Detéctanse entre 5 e 8 erros de léxico. (1.75)Detéctanse entre 9 e 12 erros de léxico. (1.50)Detéctanse máis de 12 erros de léxico. (1.25)

Elaboración propia (proxecto cREAgal). Rúbrica para a revisión. (CC BY-NC-SA)

  • Actividade
  • Nome
  • Data
  • Puntuación
  • Notas
  • Reiniciar
  • Imprimir
  • Aplicar
  • Nova xanela

Remata a misión: informe da revisión

Duración: 15 minutos  Agrupamento: en grupo (3-4 participantes)

pictograma dun informe asinado.Agora que xa tedes corrixidos os erros e avaliado o traballo dos vosos compañeiros e compañeiras, tócavos realizar o informe da revisión.

Nunha folla que logo lles entregaredes, indicade cal foi a nota final que resultou ao aplicar a rúbrica, redactade unha breve valoración global (a vosa impresión xeral, o tipo de erros que máis se repetiu...) e indicádelles que puntuación obtiveron en cada apartado (acentuación, ortografía, gramática e léxico).

Precisas un exemplo?

Modelo dun posible informe a partir da aplicación da rúbrica ao texto doutro grupo:

NOTA: 7,75

VALORACIÓN: O texto estaba en xeral moi ben: parabéns. Non obstante, atopamos algúns erros, entre os que predominaban os acentos gráficos, especialmente no "é" do verbo ser. Ademais, tamén empregastes varios castelanismos como perrera (canceira) ou pobo (vila).

Aquí tedes as notas de cada apartado da rúbrica:

ACENTUACIÓN: 1,75

ORTOGRAFÍA: 2,5

GRAMÁTICA: 1,75

LÉXICO: 1,75

Diario de aprendizaxe

icona representativa do Diario de aprendizaxe do proxecto cREAgal.

Pouco a pouco é como se vai chegando lonxe… e a estas alturas xa tes feito un bo anaco do percorrido. Agora que xa lle dedicaches tempo ao reto e completaches unha boa chea de tarefas nesta fase, toca botar a vista atrás un momento e ver que dificultades foron saíndo polo medio e como se poderían amañar eses pequenos atrancos sen facer deles un drama.

E xa que te pos a darlle voltas á cousa, tamén paga a pena pensar nas destrezas que fuches demostrando e no que lle achegas ao resto do equipo. Ao final, tanto no reto como nas tarefas desta etapa, cadaquén contribúe ao seu xeito…, e sempre se nota quen empurra un chisco máis cando fai falta.

Colle o teu diario de aprendizaxe e ponte a reflexionar!

Lectura facilitada

Pouco a pouco chégase lonxe.
Xa fixeches un bo anaco do camiño.
Dedicácheslle tempo ao reto.
Completaches moitas tarefas desta fase.
Agora toca mirar atrás un momento.
Mira que dificultades apareceron.
Pensa como se poderían arranxar eses problemas.
Non fagas un drama deles.
Mentres pensas niso, tamén é bo reflexionar.
Pensa nas destrezas que demostraches.
Pensa no que lle dás ao resto do equipo.
No reto e nas tarefas, cadaquén contribúe ao seu xeito.
Sempre se nota quen empurra un pouco máis cando fai falta.

Colle o teu diario de aprendizaxe e ponte a reflexionar!

Feito con eXeLearning (Nova xanela)