Saltar navegación

Paso previo: que é un sensor de Turbidez?

🔬 Que é un sensor de turbidez?

Un sensor de turbidez serve para medir o grao de limpeza ou sucidade da auga. Funciona enviando luz infravermella a través do líquido. Se a luz chega ao outro lado, a auga está clara; se non chega, é porque hai partículas que bloquean ou dispersan a luz.

O modelo que usamos (SEN0189) ten dúas partes principais: un LED (diodo emisor de luz) que emite esa luz invisible, e un receptor que detecta se a luz chegou. Está conectado á Micro:bit para recoller os datos.

É moi útil en experimentos de laboratorio ou para comprobar a calidade da auga en pozas, regatos ou sistemas de rego.

🧪 Sensor con auga, pero apagado

Sensor sen activar

Sensor de turbidez sen activar
María Souto Lorenzo
Licenza CC BY-SA

Aquí vemos o sensor mergullado en auga, pero sen acender. O LED (parte amarela) non emite luz, así que o receptor (maxenta) non recibe sinal. É o punto de partida antes de facer calquera medición.

💡 Luz atravesando auga limpa

Sensor funcionando con auga clara

Sensor funcionando en auga limpa
María Souto Lorenzo
Licenza CC BY-SA

Unha vez activado, o LED emite luz infravermella. Esta luz, que non se pode ver a simple vista, pasa sen problema pola auga limpa e chega ao receptor.

A Micro:bit detecta que a luz chega case toda, e interpreta que a auga está clara ou limpa.

🌫️ Auga turbia bloqueando a luz

Sensor detectando turbidez

Auga con partículas bloqueando luz
María Souto Lorenzo
Licenza CC BY-SA

Se a auga ten partículas (como terra ou barro), a luz infravermella non pode pasar ben. Parte da luz é bloqueada ou desviada, e o sensor detecta menos sinal. Isto indícalle á Micro:bit que a auga está turbia ou sucia.