Saltar navegación

Ciencia para coidar o planeta

Analizamos a calidade da auga

Este proxecto usa unha micro:bit e un sensor de turbidez para investigar a calidade da auga en diferentes lugares. A turbidez indica o nivel de partículas suspendidas: canta máis turbidez, máis sucia está a auga.

Ao analizar os datos recollidos, aprendemos ciencia e tecnoloxía mentres reflexionamos sobre a importancia da auga limpa para a vida e a saúde.

Este proxecto contribúe aos seguintes Obxectivos de Desenvolvemento Sostible:

  • ODS 6: Auga limpa e saneamento para todas as persoas.
  • ODS 3: Saúde e benestar, evitando enfermidades relacionadas coa auga contaminada.
  • ODS 10: Redución das desigualdades no acceso aos recursos básicos.

Outros métodos para analizar a calidade da auga

Ademais da turbidez, existen outras formas de avaliar a calidade da auga:

  • pH: Indica se a auga é ácida ou básica.
  • Oxíxeno disolto: Necesario para que os seres vivos acuáticos poidan respirar.
  • Condutividade: Mide os minerais e sales presentes na auga.
  • Temperatura: Afecta ao equilibrio dos ecosistemas acuáticos.
  • Bacterias nocivas: Como a E. coli, poden causar enfermidades graves.

Estes parámetros axudan a previr riscos para a saúde e a protexer o medio ambiente.

Por que é importante coidar a calidade da auga?

A auga limpa é esencial para vivir. Sen ela:

  • Aumentan as enfermidades como a diarrea ou as infeccións intestinais.
  • Medran as desigualdades: moitas persoas, sobre todo en zonas rurais ou países empobrecidos, non teñen acceso seguro á auga.
  • Redúcese a calidade de vida e pérdense oportunidades educativas, especialmente para nenas e nenos que teñen que percorrer longas distancias para conseguir auga.

Segundo Nacións Unidas, máis de 2.000 millóns de persoas carecen de acceso á auga potable no mundo. Coidala é unha responsabilidade de todas e todos.

Principais causas da contaminación da auga

  • Verquidos industriais sen tratamento axeitado.
  • Pesticidas e fertilizantes usados en exceso na agricultura.
  • Verteduras de lixo preto de ríos ou fontes naturais.
  • Falta de depuradoras ou mal funcionamento das existentes.
  • Produtos contaminantes na casa: aceite usado, produtos químicos, plásticos...

Evitar estas accións require educación ambiental, políticas responsables e un compromiso colectivo.

Para pensar e comentar na aula

  • Que podemos facer desde a escola ou a casa para coidar a auga?
  • Como pode axudar a ciencia e a tecnoloxía a garantir auga limpa para todas as persoas?
  • Cres que é xusto que haxa xente sen acceso a auga potable?
  • Como afecta a contaminación da auga ao planeta e á nosa saúde?