A nosa propia orquestra virtual
- Duración:
- 50
- Agrupamento:
- Ilimitado
Para variar, introduciremos algunhas modificacións na sección de "MANS Á OBRA" que levamos tempo realizando coa elaboración de instrumentos con materiais de refugallo. Desta volta, para festexar que xa chegamos a última unidade do proxecto, construiremos un instrumento un pouquiño diferente, xa que deseñaremos un instrumento musical virtual. Así que as persoas que non levan ben iso de pringar as mans co pegamento de barra están de sorte! Neste caso, a nosa "lista da compra" será moito máis barata, xa que soamente precisaremos os seguintes materiais:
- Equipo informático con conexión á rede
- Cascos (auriculares)
- Webcam e micrófono (os que veñen instalados por defecto nos ordenadores son completamente válidos)
- Aplicación de código en aberto SCRATCH (presente nos equipos ABALAR do alumnado). Existe unha plataforma en liña que se pode empregar picando AQUÍ
Se queredes coñecer cales son os pasos para crear o noso propio instrumento virtual empregando esta ferramenta dixital non vos podedes perder as seguintes explicacións. Imos aló!
O programa
Para localizar o programa dentro da nosa maqueta ABALAR, deberedes seguir a ruta que se indica no titorial. Non vos perdades! Se por casualidade non estades empregando un equipo con esta maqueta, podedes atopar a plataforma en liña do programa no seguinte ENDEREZO.
Posta a punto
Unha vez localizado o programa SCRATUX (versión da maqueta ABALAR) ou SCRATCH (plataforma en liña), realizaremos unha pequena configuración inicial para ter todo disposto antes de comezar a crear contido.
O código
O programa emprega unha linguaxe baseada nun código, que debemos coñecer para poder realizar a actividade. No seguinte titorial, atoparedes as indicacións básicas sobre o funcionamento do programa para poder iniciar as primeiras tomas de contacto. Pero iso si, ide a modiño!
Interacción virtual
Coñecedes esa afamada frase moi empregada no mundo do cine... "a realidade supera a ficción"? Pois ben, neste apartado aprenderemos a establecer un diálogo entre o mundo real e o mundo dixital da plataforma. Como conseguilo? Empregaremos a cámara web do noso equipo para comunicarnos cos instrumentos virtuais que ofrece o programa. Tomade nota!
Salvar o noso proxecto
O procedemento para gardar o proxecto e non perder todo o traballo é moi sinxelo. Basta con realizar dous pequenos pasos e poñelo a bo recaudo... polo que poida pasar!
A palabra scratch que da nome ao programa que empregamos para facer as nosas creacións ten algo de historia. Literalmente pode traducirse do inglés como "rascar ou arañar", e este termo foi introducido no ámbito da música electrónica a finais dos anos setenta, cando os DJ's da época experimentaban coa reprodución de vinilos. En que consiste esta técnica? Pois... que mellor que ver como se fai un scratch en directo!