Saltar navegación

GUÍA DIDÁCTICA

DESCRICIÓN DA UNIDADE

INTRODUCIÓN

O presente Obxecto Dixital Educativo (en adiante ODE) representa unha secuencia didáctica completa dentro do proxecto Orquestra de cARTón, e a súa secuenciación correspóndese coa número seis dentro da estrutura do mesmo. Tal e como se detalla na proposta de proxecto, o seu obxectivo principal é involucrar ó alumnado nun proxecto multidisciplinar que combina elementos de diversas disciplinas artísticas, como son principalmente a Música e a Danza e a Educación Plástica e Visual. Nesta secuencia didáctica en concreto estudaremos o grupo de instrumentos pertencentes á familia dos electrófonos. Repasaremos as súas características principais e os xéneros máis habituais xunto co tipo de agrupacións que os integran. Empregando a tecnoloxía SCRATCH (software en aberto), o alumnado desenrolará un proxecto na citada plataforma para a creación de música mediante o uso de comandos e a interacción entre os instrumentos reais e os dixitais. O resultado será a formación dunha agrupación musical que se poderá tocar de maneira dixital respondendo a estímulos externos

* As referencias sobre os distintos elementos curriculares que se amosan a continuación se elaboraron en base ó establecido para o nivel educativo de sexto curso de educación primaria no Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

OBXECTIVOS DIDÁCTICOS

A través desta unidade, o alumnado traballará os seguintes obxectivos de área:

OBX1. Descubrir propostas artísticas musicais e dancísticas de diferentes xéneros, estilos, épocas e culturas, a través da recepción activa, para desenvolver a curiosidade, a sensibilidade, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade.

OBX2. Recoñecer os elementos básicos específicos da linguaxe musical, a través da percepción e da análise de diferentes fragmentos e obras, para chegar á comprensión das diferentes manifestacións culturais e artísticas.

OBX4. Expresar e comunicar de maneira creativa ideas, sentimentos e emocións, experimentando coas posibilidades do son, do corpo e dos medios dixitais, para producir obras propias.

OBX5. Participar do deseño, elaboración e difusión de producións culturais e artísticas musicais e dancísticas, tanto individuais coma colaborativas, poñendo en valor o proceso e asumindo diferentes roles na consecución dun resultado final, para desenvolver a creatividade, a noción de autoría e o sentido de pertenza.

No referente a obxectivos didácticos podemos detallar os seguintes:

  • Realizar xogos de discirminación auditiva para identificar os principais instrumentos electrófonos nas formacións musicais actuais
  • Coñecer a familia de instrumentos electrófonos máis representativos, e o theremin como orixe dos sintetizadores modernos
  • Empregar a plataforma SCRATUX para deseñar unha formación musical virtual (IPAI) que permita interactuar co alumnado en tempo real
  • Realizar acompañamentos rítmicos empregando a formación creada na plataforma dixital sobre bases musicais de xéneros diversos.
  • Comprender os elementos e aparellos principais que interveñen na música electrónica, diferenciando as súas funcións
  • Aproximación á figura da directora de orquestra sinfónica dende unha perspectiva de xénero
  • Identificar os procesos de mestura musical propios dos DJ (disc-jockey) e os instrumentos empregados para conseguilo

CONTIDOS

En relación ó establecido no currículo de referencia (Decreto 155/2022, do 15 de setembro) os contidos traballados son os seguintes:

Bloque 1. Educación musical: percepción e análise.

▪ Estratexias de recepción activa. // ▪ O son e as súas calidades: identificación visual e auditiva, clasificación e representación de diversidade de sons e estruturas rítmicas e melódicas a través de grafías convencionais e non convencionais. // ▪ A voz e os instrumentos musicais. Familias e agrupacións. Clasificación e comprensión dos mecanismos de produción sonora en cada un. Identificación visual e auditiva. Instrumentos tradicionais na música galega. Instrumentos dixitais. Instrumentos non convencionais e exóticos. Instrumentos caseiros. // ▪ Propostas musicais de diferentes correntes estéticas, procedencias e épocas producidas por creadoras e creadores locais, rexionais, nacionais e internacionais. // ▪ Principais xéneros musicais.

Bloque 2. Educación musical: creación e interpretación.

▪ Práctica instrumental, vocal e corporal: experimentación, exploración creativa, interpretación, improvisación e composición con pautas guiadas a partir das súas posibilidades sonoras e expresivas. Respiración consciente e hixiene e corrección postural. // ▪ Construción de obxectos sonoros e instrumentos e exploración das súas posibilidades sonoras para o seu uso expresivo.
▪ Linguaxes musicais: aplicación dos seus conceptos fundamentais na interpretación e na improvisación guiada de propostas musicais vocais e instrumentais. O silencio como elemento fundamental da música: utilización adecuada na interpretación musical. // ▪ Aplicacións informáticas de gravación, edición de audio e edición de partituras: utilización guiada na audición, coñecemento, interpretación, gravación, reprodución, improvisación e creación de obras diversas. // ▪ Normas elementais de comportamento e actitude positiva na creación e interpretación de propostas musicais. O silencio como elemento e condición indispensable durante a creación e a práctica musical.

Bloque 3. Educación en artes escénicas e performativas: percepción e análise.

 ▪ Estratexias de recepción activa. // ▪ Manifestacións vinculadas á expresión corporal e ás artes escénicas e performativas de diferentes correntes estéticas, orixes e épocas producidas por creadoras e creadores locais, rexionais, nacionais e internacionais. // ▪ Recursos dixitais de uso común para as artes escénicas e performativas. // ▪ Normas de comportamento e actitude positiva na recepción de propostas vinculadas coa expresión corporal e dramática en diferentes espazos culturais e artísticos. O silencio como elemento e condición indispensable para manter a atención durante a recepción.

Bloque 4. Educación en artes escénicas e performativas: creación e interpretación.

▪ O corpo e as súas posibilidades motrices, dramáticas e creativas: interese na experimentación e exploraciónba través de execucións individuais e grupais vinculadas co movemento, coa danza, coa dramatización e coa representación teatral como medio de expresión e diversión. // ▪ Capacidades expresivas e creativas básicas da expresión corporal e dramática. Gozar como forma de interacción social, recurso expresivo e emotivo e deleite estético. // ▪ Normas elementais de comportamento e actitude positiva na creación e interpretación de propostas vincula-
das coa expresión corporal e dramática.

METODOLOXÍA

A metodoloxía a empregar nesta unidade fomenta a adquisición de coñecemento no alumnado mediante o descubrimento guiado. O modelo de aprendizaxe plantexa unha visión constructivista da intervención pedagóxica para acadar un aprendizaxe significativo, e que o discente sexa quen de empregar estes conceptos adquiridos en situacións de aprendizaxe diversas. O método didáctico responde a unha metodoloxía específica por ámbitos, de maneira que se seleccionan contribucións de autor diversas en función das necesidades educativas que plantexa cada actividade.

ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS

A figura docente está disposta neste proxecto como axente facilitador da aprendizaxe, de maneira que sexa o propio alumnado o protagonista do seu procedemento de ensino-aprendizaxe dende unha visión activa.  O docente exercerá de mediador, con especial relevancia nos puntos de inicio (explicación das tarefas) e nas situacións de debate ou actividades grupais, tentando sempre limitar as súas intervencións na medida do posíbel.

  • Temporalización: a unidade está deseñada para completarse nun total de catro sesións, distribuídas da seguinte maneira:
    • Sesión 1- Explicación xeral e traballo individual na plataforma, primeira parte (sección INTRO).
    • Sesión 2- Continuación do traballo individual na plataforma, segunda parte (sección MANS Á OBRA). 
    • Sesión 3- Parte práctica da unidade coa elaboración da orquestra dixital en SCRATUX (continuación de MANS Á OBRA).
    • Sesión 4- Actividades relacionadas coa perspectiva de xénero na figua do director de orquestra sinfónica (SABÍAS QUE?).
  • Distribución de espazos: todas as sesións, de carácter individual, poden realizarse na aula (se cada discente conta cun equipo informático) ou ben na aula de informática.
  • Grupos de traballo: toda a unidade pode completarse a nivel individual, se ben é certo que as actividades prácticas como a elaboración da orquestra virtual na plataforma SCRATUX e a práctica instrumental empregando a mesma cómpre plantexalas dende unha perspectiva grupal que promova a cooperación entre iguais para a resolución de problemas. 

**Lembrar que tanto o tempo de realización das propostas didácticas establecido, así como a distribución do espazo e a formación de grupos de traballo é orientativa, sendo susceptíbel de ser modificada a criterio docente en función das necesidades da súa realidade educativa. De igual forma, os métodos didácticos anteriormente citados poden ser tamén adaptados na práctica se así se considera, na procura de adecuar as actividades ao noso contexto próximo (dotación instrumental de aula, recursos materiais, distribución des espazos...)

COMPETENCIAS CLAVE

  • Competencia en comunicación lingüística (CCL).
    Presente en tódolos intercambios orais que se realicen nos seus diferentes rexistros (práctica instrumental, exposicións, canto...), así coma no coñecemento e uso dunha linguaxe técnica adecuada ao ámbito artístico e implicitamente no uso da linguaxe convencional e non convencional para a composición e interpretación musical.
  • Competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría (STEM).
    A parte práctica do proxecto, a construción dun botellófono empregando materiais de refugallo, representa á perfección a filosofía STEM. Procedementos como o deseño, cálculo e funcionamento do aparello, ensamblaxe das distintas pezas e a elección de materiais, son algunhas das accións onde queda patente esta competencia. O coñecemento e funcionamento do son (ondas sonoras e a súa medición en Hz) tamén é pertinente neste apartado. No ámbito musical atópase estreitamente relacionada coa organización e estruturación da música, a xerarquía das figuras e os seus valores xunto coa súa propia agrupación na linguaxe musical nos diferentes compases. Ademais, o compoñente científico da música está presente tanto nas calidades do son como na organoloxía, no senso de como repercuten no son as formase materiais dos instrumentos empregados. 
  • Competencia dixital (CD).
    O coñecemento dos aparellos e ferramentas actuais de afinación e edición de audio (MUSESCORE, Google Music Lab) tamén representa un achegamento importante no plano das novas tecnoloxías.
  • Competencia persoal, social e de aprender a aprender (CPSAA).
    Derivada dun comportamento axeitado nas distintas situacións de ensino-aprendizaxe durante o desempeño das tarefas. Unha actitude prosocial e participación activa, así como o coñecemento das regras de convivencia, o respecto aos seus compañeiros, a tolerancia ás diferentes opinións e o establecemento de quendas de intervención e roles específicos dentro dunha agrupación instrumental.
  • Competencia emprendedora (CE).
    En liña co eixe do proxecto, a posibilidade por parte do alumnado de adquirir o desempeño competencial suficiente para completar o proceso elaboración de distintos instrumentos (cotidiáfonos) de maneira autónoma, representa un recurso moi relevante para xestionar as súas inquedanzas e iniciativas nun futuro próximo. O coñecemento dunha organoloxía variada e o seu funcionamento, supón unha posibilidade de emprendemento tanto a nivel individual como colectivo, xa sexa como integrante dunha agrupación musical ou ben dende a perspectiva lúdica da produción sonora. No referente ó proceso creativo, tanto a interpretación guiada como a improvisación son claros indicadores da iniciativa persoal.
  • Competencia en conciencia e expresión culturais (CCEC).
    Mediante a selección dun repertorio amplo e variado, podemos facer un enfoque sociocultural a través dos diferentes períodos que conforman a historia da música e tratar as distintas manifestacións artísticas en función da súa situación xeográfica e xéneros representativos. A interpretación da peza "Carnavalito" (orixinal do folclore andino) representa un claro exemplo de didácticas que podemos trasladar á aula.

ACTIVIDADES PROPOSTAS

  • A música electrónica; aplicacións principais e avances tecnolóxicos que condicionaron a evolución do xénero musical
  • Instrumentos electrófonos máis comúns nas formacións musicais actuais
  • O theremin (instrumento que emprega ondas electromagnéticas) como orixe dos actuais sintetizadores empregados na música moderna
  • Composición da súa propia formación virtual interactiva (percusión de acompañamento) empregando o aplicativo SCRATUX 
  • Interpretación dixital de acompañamento (IPAI) en directo empregando a plataforma sobre bases musicais de diferentes estilos
  • A figura do director de orquestra (dende unha perspectiva de xénero) e a súa relación coa orquestra sinfónica

AVALIACIÓN

A avaliación do alumnado realizarase tendo en conta a dúas vertentes:

Entorno dixital: o proxecto contempla a posibilidade de autoavaliación discente en tempo real das actividades propostas na plataforma (eXceLearning), de maneira que coa realización sucesiva das tarefas e a súa corrección inmediata se obtén un feedback ou retroalimentación constante sobre o resultado das mesmas. Esta ferramenta de autor permite a posibilidade de exportar os resultados académicos (SCORM) obtidos polo alumnado para poder elaborar listaxes ou lograr un cotexo de datos por parte docente. Os instrumentos de avaliación a empregar no ámbito dixital dentro desta unidade detállanse a continuación: 

  • Actividade de encher os espazos (completar os ocos nunha oración coa palabra axeitada) 
  • Lista desordenada (enumerar os elementos nunha listaxe)
  • Actividade de identificación gráfica (seleccionar unha opción correcta dentro dunha imaxe a escoller entre varias)
  • Actividade de resposta múltiple (varias opcións son correctas a escoller entre varias)
  • Xogos interactivos baseados na identificación de elementos agochados con pistas
  • Tarefas baseadas na discriminación auditiva mediante emparellamentos sonoros

Desenvolvemento na aula: a concreción das actividades na aula seguirá procedementos e instrumentos de avaliación ordinarios por parte do profesorado. A observación
sistemática como procedemento principal, baseado en rexistros de datos dos estudantes nos que se recolle periodicamente o seu progreso e observacións atopadas no
desenvolvemento das tarefas. As actividades de índole práctica (práctica instrumental, actividades de música e movemento, canto, elaboración de instrumentos, etc) poden ser
avaliadas en función da súa adecuación aos criterios de avaliación establecidos coma mínimos esixibles en cada caso.

ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

Os diferentes métodos pedagóxicos empregados no desenvolvemento deste proxecto están deseñados a partir da inclusión dos alumnos e alumnas que os precisan no sentimento colectivo. Dende a perspectiva docente á hora de trasladar as diferentes propostas didácticas á aula, pódense ter en conta os seguintes procedementos de atención á diversidade:

Asignación de roles específicos: atribuíndo a cada integrante un papel concreto dentro dunha formación coa finalidade de potenciar un aspecto específico do desenvolvemento competencial de cada individuo no desempeño das tarefas colectivas. Un exemplo claro de promoción da coeducación e a convivencia témolo na práctica musical conxunta e as propostas grupais recollidas na unidade, mediante a asignación de roles específicos dentro do conxunto ou ben empregando a titoría entre iguais.
Creación de agrupacións flexibles: distribución estratéxica do alumnado na realización de tarefas colectivas, recorrendo ao grupo de mentores, titorías entre pares, etc. Resulta especialmente recomendábel na aplicación práctica do proxecto como é a práctica instrumental para incentivar unha distribución de roles dinámica.
Deseño de actividades: modificación das propostas didácticas iniciais dirixidas a traballar nunha área desta disciplina segundo as necesidades do grupo. Na súa vertente práctica para a elaboración dos instrumentos pódense adaptar os tempos, os materiais ou os procedementos en función dunha necesidade en particular e adaptándose as súas inquedanzas e/ou necesidades específicas.

A estrutura da secuencia didáctica contempla unha sección inicial explicativa baixo o nome de INTRO, ademáis conta cunha “Folla de ruta” (en formato de vídeo interactivo) e un “Manual para o alumnado”, de xeito que poden consultar a temática e requisitos materiais da unidade previamente. 

RETROALIMENTACIÓN

Os medios empregados para achegar unha retroalimentación constante na plataforma ó alumnado detállanse a continuación.

A maior parte das propostas didácticas deseñadas nas ODE (tanto as actividades interactivas como os xogos) dispoñen dunha retroalimentación inmediata configurada por defecto, de maneira que o alumnado recibe en tempo real os resultados acadados, xa sexa en formato de puntuación, número de acertos, porcentaxe, etc. De igual maneira, existe un feedback final automático onde se amosan as solucións correctas de cada actividade ao finalizar a mesma para poder comprobar as solucións.  Estas puntuacións obtidas ao longo de cada unidade poden ser trasladadas a outras plataformas compatíbeis (como é o caso do EVA-Edixgal) cando se executa o recurso exportado en formato SCORM. 

Por outra banda, en determinados exercicios engádese unha lapela baixo o título de "DATO CURIOSO"; un espazo relacionado coa actividade completada previamente onde o alumnado pode ampliar os seus coñecementos sobre o tema en cuestión, afondando nas solucións da tarefa e consolidando o aprendido.

Como método para fomentar unha aprendizaxe en espiral, de xeito recurrente empréganse recursos para o deseño das actividades baseados no desafío, unha opción que presenta o eXeLearning onde o alumnado precisa empregar conceptos xa adquiridos (retroalimentación) para desbloquear as propostas novas e poder avanzar. 

RECURSOS MATERIAIS

Para levar a cabo esta unidade didáctica precisaremos os seguintes elementos:

  • Actividades na plataforma
    • Auriculares ou cascos (preferiblemente envolventes ou "over-ear", que cubren por completo a orella)- Opcional
    • Equipo informático con conexión á rede
    • Na actividade práctica “Mans á obra” empregaremos o programa SCRATUX (presente por defecto nos equipos ABALAR do alumnado)

REFERENCIAS MULTIMEDIA

A continuación amósase unha táboa coa relación dos distintos materiais empregados na elaboración desta unidade didáctica.

Referencias da multimedia ODE6
Iván Suárez. Referencias da multimedia ODE6 (CC BY-SA)

Feito con eXeLearning (Nova xanela)