2. Como falamos en público?
Comunicación non verbal
Cando falamos en público, non só importa o que dicimos, senón tamén como o dicimos. A comunicación non verbal —xestos, mirada, postura, expresión facial, ton de voz...— é unha parte fundamental da nosa mensaxe. De feito, moitas veces, o corpo fala antes ca as palabras.
Imaxina dúas persoas dicindo a mesma frase. Unha faino coa cabeza alta, mirando ao público e sorrindo; a outra, coas mans nos petos, voz baixa e sen levantar a vista. A mensaxe verbal é igual, pero... cal transmite máis seguridade? Cal conecta mellor?
🔸 A mirada achega conexión e transmite confianza.
🔸 Os xestos acompañan as palabras e axudan a explicar mellor.
🔸 A postura corporal debe ser aberta e firme, evitando parecer tensos ou desganados.
🔸 A voz tamén comunica: o ton, o ritmo e as pausas son clave para manter a atención.
Aprender a controlar e aproveitar a comunicación non verbal axúdanos a ser máis claros, máis seguros e máis convincentes nas nosas exposicións. Porque comunicar ben é moito máis ca falar: é conseguir que nos entendan, que nos escoiten e, sobre todo, que nos crean.
Lectura facilitada
🗣️ Como falamos tamén importa
Non só é importante o que dicimos, senón tamén como o dicimos.
A comunicación non verbal —xestos, mirada, postura, expresión facial, ton de voz...— é unha parte moi importante da nosa mensaxe.
Ás veces, o corpo fala antes ca as palabras.
🔍 Exemplo para pensar
Imaxina dúas persoas dicindo a mesma frase:
- 🧍♂️ Unha ten a cabeza alta, mira ao público e sorrí.
- 🧍 A outra ten as mans nos petos, fala baixiño e non levanta a vista.
A frase é a mesma… pero cal transmite máis seguridade? Cal conecta mellor co público?
💡 Algunhas claves para comunicar mellor
- 👀 Mirada: Axuda a conectar e a transmitir confianza.
- 🤲 Xestos: Apoian o que dicimos e fan a explicación máis clara.
- 🧍 Postura corporal: Ten que ser aberta e firme. Evita parecer tenso ou desganado.
- 🎤 Voz: O ton, o ritmo e as pausas axudan a manter a atención.
✅ Conclusión
Aprender a usar ben a comunicación non verbal fai que as nosas presentacións sexan máis claras, seguras e convincentes.
Comunicar ben non é só falar: é conseguir que nos escoiten, que nos entendan e que nos crean.
Audio
Comunicación paraverbal
A comunicación paraverbal refírese a todos aqueles aspectos da fala que acompañan ás palabras e que teñen que ver coa voz: a pronuncia, a entoación, o ritmo, o volume e a intensidade.
Pronuncia
É fundamental articular ben as palabras para que se entendan con claridade. Non se trata de falar como un robot, pero si de coidar a forma na que dicimos cada palabra, evitando erros que poidan distraer ou confundir ao público.
Entoación
Un discurso sen variación na entoación soa monótono e pode aburrir. A entoación dálle emoción ao que dicimos, axuda a destacar ideas importantes e a manter a atención. Non é o mesmo dicir unha pregunta cun ton neutro que subindo a voz ao final para expresar dúbida ou interese.
Ritmo
Refírese á velocidade coa que falamos. Se falamos demasiado rápido, corremos o risco de que o público non nos siga; se falamos moi lento, podemos facer que se desconecten. Un bo ritmo é aquel que equilibra claridade e naturalidade.
Volume
Debemos adaptar o volume ao espazo e ao público. Nunha aula, por exemplo, non fai falta berrar, pero si proxectar a voz para que todos nos escoiten. Falar baixo transmite inseguridade e pode facer que se perdan partes importantes da mensaxe.
Intensidade
Está relacionada coas emocións e coa forza coa que transmitimos o que dicimos. Unha exposición con intensidade ben medida pode resultar moito máis convincente. Iso si, hai que evitar caer na dramatización excesiva.
Lectura facilitada
🔊 A comunicación paraverbal
A comunicación paraverbal é todo o que acompaña ás palabras cando falamos. Refírese a como usamos a voz.
Inclúe estes aspectos:
-
- 🔹 Pronuncia:
Temos que articular ben as palabras para que se entendan.
Non é falar como un robot, pero si coidar como dicimos cada palabra.
- 🔹 Pronuncia:
-
- 🔹 Entoación:
Se falamos sempre igual, o discurso soa aburrido.
A entoación dálle vida ao que dicimos e axuda a marcar as ideas máis importantes.
- 🔹 Entoación:
-
- 🔹 Ritmo:
É a velocidade coa que falamos.
Se imos moi rápido, non nos entenden. Se imos moi lentos, poden aburrirse.
O ideal é falar con claridade e naturalidade.
- 🔹 Ritmo:
-
- 🔹 Volume:
Hai que adaptar o volume ao lugar e ao público.
Falar baixo pode facer que a mensaxe non se escoite.
Proxectar a voz sen berrar é o máis efectivo.
- 🔹 Volume:
- 🔹 Intensidade:
Ten que ver coa emoción e forza coa que falamos.
Falar con intensidade ben medida pode convencer máis.
Pero non debemos exaxerar demasiado.
✅ Conclusión
Como falamos é tan importante como o que dicimos.
Controlar a voz axúdanos a expresar mellor as nosas ideas.
Audio
Para saber máis
Test SCORM
Impro...acción!
- Duración
- 20'
- Modo de participación
- En parellas
🎯 Obxectivo:
Aplicar de forma práctica e creativa as técnicas dunha boa exposición oral a través dunha intervención breve e improvisada, organizada e feita por parellas.
Preparación rápida (5-7 min)
Cada parella recibe un tema sorpresa relacionado coa sustentabilidade, o espazo público ou a vida na vila (ver exemplos abaixo). A súa tarefa é preparar un pequeno discurso oral improvisado de 1-2 minutos, repartíndose as partes: un membro da parella introduce e outro desenvolve e conclúe.
📋 Deben aplicar as técnicas aprendidas: estrutura clara (introdución, corpo, conclusión), bo ton de voz, mirada, xestos, e recursos expresivos.
Exposición improvisada (10-15 min)
Cada parella presenta a súa intervención diante da clase ou en grupos pequenos.
💬 O resto do grupo completa unha a lista de cotexo que tes xusto debaixo.
🎲 Exemplos de temas improvisados:
“Por que deberiamos usar máis a bici e menos o coche?”
“Como sería unha vila galega intelixente e verde?”
“Por que todos deberiamos coidar os espazos públicos?”
“Tres cousas que cambiarías no teu barrio para que fose máis sostible”
“Defende a instalación de paneis solares no instituto”
“É importante escoitar a opinión da mocidade nas decisións urbanísticas?”
Os temas podemos sortealos en aplicativos coma https://calcular.me/asignar-al-azar ou deixalos escoller ao azar con papeliños nun bote.
Lista de cotexo para coavaliar as exposicións orais
Completa a lista de cotexo marcando as casas correspondentes ás actividades rematadas.
Para ampliar...
- Duración:
- 10 min.
- Agrupamento:
- Por parellas
🎯 Obxectivo:
Gravar unha nova intervención oral na que o alumnado incorpore as melloras propostas polos compañeiros/as na coavaliación anterior, desenvolvendo así a súa capacidade de autorrevisión, reflexión crítica e expresión oral efectiva.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Compartir igual 4.0