Saltar navegación

ARTIGAL - INTERVENCIÓN NA ARTICULACIÓN EN GALEGO

ARTIGAL - INTERVENCIÓN NA ARTICULACIÓN EN GALEGO

Unha das alteracións máis frecuentes que podemos atopar dentro das aulas relacionadas ca fala son as dificultades articulatorias.

Na práctica educativa, atopámonos con que, tanto á hora de avaliar coma de intervir neste tipo de alteracións, a maioría dos instrumentos dispoñibles están elaborados en lingua castelá.

Nembargantes, moitos nenos escolarizados en Galicia teñen como lingua materna o galego.

Para contribuír a solventar a parte de avaliación, elaboramos un instrumento de avaliación do repertorio fonolóxico dos nenos galego-falantes (AFGAL).

No que se refire a intervención, consideramos que dentro do tratamento xeral das dislalias, son perfectamente válidos todos os instrumentos editados en lingua castelá referidos ao tratamento indirecto, así como aqueles exercicios encamiñados á aprendizaxe da correcta posición dos órganos fonoarticulatorios para cada fonema.

É na parte da automatización e xeralización dos fonemas, onde nos atopamos con que os materiais están deseñados para que o neno evoque ou repita un vocabulario, que expresado en lingua castelá, conteña o fonema que se pretende intervir.

Pero se estes conceptos son expresados en galego, a miúdo nos atopamos con que a palabra non contén o fonema en cuestión.

Con este material, o que pretendese  poñer á disposición dos mestres/as especialistas en Audición e Linguaxe, logopedas e os distintos profesionais que traballen coa fala e coa
linguaxe, un instrumento de intervención enfocado á integración e xeralización dos fonemas da lingua galega.

Pareceunos interesante enmarcar previamente, esta parte específica da intervención, nun programa xeral de intervención da dislalia funcional, suxerindo unha serie de obxectivos, contidos e actividades así como unhas certas orientacións metodolóxicas.

Á hora de seleccionar os refráns, poesías, adiviñas, cancións e trabalinguas que usaremos para xeralizar os fonemas á linguaxe espontánea decidiuse empregar preferentemente, materiais procedentes da nosa tradición oral popular, para enriquecer deste xeito a intervención educativa.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)