Os catro amigos visitaron a Praza do Cristo e a Casa do Concello do Porriño. A continuación, aproveitaron para tomar uns bocadillos debaixo dos soportais da Praza de Antonio Palacios para protexerse do sol.
Despois de comer subiron co resto do grupo ao Monte da Risca, que se atopa moi preto do núcleo da vila. A zona estaba preparada para desfrutar da natureza, con mesas e un pequeno parque para os máis cativos. Alí puideron desfrutar dun miradoiro dende o que se podían ver, diminutos, os edificios do Porriño. Entón Uxía comentou:
- Se vemos os edificios tan pequenos, co preto que están, imaxinade como nos verán os extraterrestres!
- Os extraterrestres non existen! - exclamou Xan.
E así comezaron a debatir sobre o que sabemos e non sabemos sobre o Universo e os seus elementos.
Mentres falaban, Antía fixo un pequeno mapa conceptual dos aspectos nos que estaban de acordo:
- Podes engadir que a nosa galaxia chámase Vía Láctea! - suxeriu Martiño.
- E que os cometas están compostos de xeo, po e rochas e deixan tras de si unha cola luminosa de po e gas. - engadiu Uxía.
- Pero os cometas non teñen luz propia! O que percibimos como luz é en realidade o reflexo da luz do Sol.