Saltar navegación

1.2.2.- O proxecto como método de resolución de problemas

Que é un proxecto?

Proxecto

Un proxecto é un conxunto de actividades ou tarefas relacionadas entre si e coordinadas para acadar un obxectivo determinado nun prazo concreto consistente en solucionar un problema ou satisfacer unha necesidade.


Manuel Torres Búa. O Proxecto (CC BY-SA). Imaxe do carro de Htcom en Pixabay. (CC0)

Desta definición podemos extraer algunhas das características dos proxectos: (premer sobre o título)

É temporal

Temporal significa que cada proxecto ten un comezo e un final definido. Ao final chégase cando se logrou o obxectivo do proxecto ou cando queda claro que o obxectivo non poderá ser alcanzado, ou cando a necesidade do proxecto xa non exista e o proxecto sexa cancelado. É dicir: cando o problema se soluciona co resultado do proxecto, se é posible solucionalo.

Obtense como resultado un produto obxectivo único

Un proxecto crea produtos entregables únicos.  O proxecto acada a súa meta cando se formaliza a entrega do produto, no noso caso: un produto informático.

É o resultado dun proceso ordenado e gradual

A elaboración gradual significa que se desenvolve en pasos. Desenvolveremos o proxecto como resultado dunha serie de tarefas ou actividades coordinadas e ordenadas en fases, de forma que non se pode realizar unha fase ata que non se completou a anterior. O que si sucederá e que existen feedback durante o proxecto que nos obrigan a retornar a fases anteriores.

Reflexión

Parece complicado? É moito máis doado do que parece. De feito seguro que todos desenvolvemos moitos proxectos na nosa vida aínda sen ser conscientes diso. Moi a miúdo xórdennos problemas, cotiáns e sinxelos ou máis complexos; ou detectamos necesidades (ou ben nolas creamos) que esixen a nosa atención. Podemos ter máis ou menos éxito nestes obxectivos, pero seguro que obteremos bos resultados se aplicamos o método de proxectos. 

 

Algúns aspectos importantes sobre os proxectos

Como abordamos un proxecto?

Un proxecto nace cando decidimos abordar un problema ou solucionar unha necesidade. Problema e necesidade poden ser unha proposta que nos fan ou ben somos nós os que buscamos estes problemas e necesidades. Para converter este reto nun proxecto imos traballar mediante a análise, a investigación, a creación e a avaliación, fundamentalmente. O proxecto cumprirá o seu obxectivo cando teñamos solucionado o problema ou a necesidade mediante un produto creado por nós.


Manuel Torres BúaAbordaxe dun proxecto (CC BY-SA)

Preguntas crave do proxecto

Para tomar a decisión de abordar un problema e aplicar o método de proxectos, debemos cuestionarnos unha serie de cousas: (premer en play Bbotón play )


Manuel Torres BúaPreguntas do Método de Proxectos (CC BY-SA)

Proxecto cíclico

A forma na que se aborda un proxecto é cíclica. Tentamos solucionar o problema mediante fases progresivas que se suceden mediante abordaxes sucesivas. Poderíamos velo como un proceso en espiral onde seguimos a orde das fases pero volvemos constantemente ás fases anteriores aportando feedback. Así ata que solucionemos o problema co noso produto. É un proceso cíclico pero limitado, teremos que ter unha meta temporal para cumprir os obxectivos.  (premer en play Bbotón play )

Manuel Torres BúaProceso cíclico do proxecto (CC BY-SA)

O ciclo de vida do proxecto

Como dicimos, para que un proxecto sexa tal ten que ser finito: ten que ter unha orixe e un fin. Se o ciclo das actividades do proxecto se repetira indefinidamente non estariamos ante un proxecto, senón ante un sistema ou proceso continuo.

Manuel Torres BúaCiclo de vida dun proxecto (CC BY-SA)