Sobre a duración do voo
Para facer a configuración de voo das cápsulas MarumaSat cómpre ter en conta varios factores: a altitude que queremos acadar, a masa da cápsula, a masa do globo, a duración do voo, o volume de helio necesario... Todas estas magnitudes están relacionadas entre si de maneira moi estreita. Ímonos centrar en dúas delas, que desenvolven un papel determinante: a masa da cápsula e o tempo que esta tarda en acadar a máxima altitude. É moi importante coñecer e controlar ben a relación que existe entre ambas para, entre outras cousas, organizar un operativo de rescate eficaz.
As últimas cápsulas MarumaSat estiveron operadas por un globo de 1200 gr, cun obxectivo de altitude de 33000 m. Nestas condicións, o volume de helio necesario é de 3,52 metros cúbicos. Estes parámetros mantivémolos fixos nos últimos voos. Onde había variacións importantes era na relación das magnitudes "masa da cápsula" e "tempo de voo até a altitude máxima". O obxectivo pasaba por poder levar á estratosfera unha cápsula coa masa necesaria para incluír os experimentos da misión á vez que conseguir un tempo de voo razonábel.
Nisto as matemáticas e as funcións teñen algo que dicir. Podemos aproximar o comportamento das variables x="masa da cápsula" (independente) e y="tempo de voo até a altitude máxima" (dependente) a través dunha función lineal que relaciona as magnitudes citadas é moi sinxela:
y=0,03x+66