Saltar navegación

Escollemos destino

gal / 9 maio, Día de Europa

De viaxe por Europa é a proposta do proxecto DE LINGUA EN LINGUA para conmemorar o 9 de maio, Día de Europa. En Lingua galega realizaremos presentacións de diferentes países para escoller o destino ao que viaxaremos. Cada grupo preparará a exposición oral sobre un posible destino europeo ao que viaxar.

Imos aló!

Informámonos

Paso 1. Informámonos 

Neste primeiro paso traballaredes en parella. Necesitades un folio, un lapis e goma (por se hai que borrar!). Tamén podedes resolver a actividade nun documento de texto.

..

Actividade 1

                Mapa Antigo de Europa
Mapa antigo de Europa
Wikilmages, Europe, (CC0)

Cantos Estados forman parte da Unión Europea? Cales son?

Escribide no voso caderno, en dúas columnas e en orde alfabética, os nomes dos países integrantes da UE. Se preferides contestar nun documento de texto, podedes descargar este modelo.

Se tedes dúbidas para contestardes a pregunta anterior, practicade antes un pouco.

Actividade 2

Escribide agora a carón de cada país o xentilicio correspondente. Debedes escribilo en feminino e masculino. Revisádeo para non ter erros ortográficos. Repasade especialmente acentuación, maiúsculas e minúsculas.

Comprobade os vosos acertos.

Investigamos

Paso 2. Investigamos 

O segundo paso desenvolverédelo en grupo. Cada grupo debe escoller un país europeo (pertencente ou non á UE) como destino de viaxe. O obxectivo é lograr que a vosa proposta sexa a seleccionada polo resto da clase.


..

Actividade 1. Remuíño de ideas

Destinos europeos
kirkandmimi, Travel, (CC0)

Que é o que máis valoramos dos sitios aos que viaxamos? Que nos motiva a visitar un país antes ca outros? Que converte un lugar nun destino turístico irresistible?

Estas e outras preguntas que vos fagades servirán para orientarvos na procura de información sobre o país escollido. Pensade que tedes que llo presentar ao resto da clase como a mellor opción de destino ao que viaxar. Escribide un borrador cunha relación de aspectos sobre os que investigar; máis tarde servirá de guión para a vosa presentación.

Unha vez elaborado o voso borrador, mirade esta proposta.

Solución guión


Non se trata de copiala, senón de usala como axuda para mellorar o guión propio. En grupo, redactade o guión definitivo. Organizade ben os puntos incluídos.


.

.

Actividade 2. Procuramos información.

Chega o momento de buscar datos sobre o país escollido. Tede en conta que esa información (texto e imaxes) será a que logo usaredes para a exposición. Este paso é complexo, pois require “peneirar” entre todo o que atopedes, é dicir, facer un proceso de selección para escolmar só o esencial.

Recollede a información en fichas. Se esta actividade vos resulta difícil, traballádea en parellas e logo facede unha posta en común no grupo. Aquí podedes ver un exemplo de ficha xa cuberta, neste caso sobre Galicia.

Podedes comezar a vosa procura por unha páxina de información xeral como a wikipedia ou mesmo a páxina oficial da UE e logo ir buscando datos concretos sobre o país escollido noutras páxinas. Nas citadas a continuación atoparedes datos interesantes:

  • O Portal das Palabras ofrece unha viaxe polas linguas minorizadas de Europa.

  • Algúns blogs de viaxes, como CaboNorte, contan cun buscador que axuda a atopar información interesante sobre os lugares a visitar.

  • Os vídeos de Galegos no mundo achegan unha visión moi persoal dos países.

  • En SUNS Europe podedes escoitar música en linguas minorizadas.

ExpoñemosPaso 3. Organizamos a exposición 

Xa tedes toda a información. Agora só vos queda darlle a forma axeitada, axustándoa ao formato desexado. Neste caso prepararedes unha exposición oral con apoio de presentación dixital. Podedes usar Open Office Impress ou outra ferramenta similar.

Seguide estes consellos para crear as diapositivas e mais para preparar a exposición. Debedes falar todas as persoas do grupo.

Consellos exposición oral Consellos diapositiva
Consellos para a exposición oral Consellos para elaborar diapositivas

Se queredes reforzar aspectos vocais ou de linguaxe xestual antes de realizardes a exposición oral, ide ás Actividades de Reforzo e Ampliación.

Revisade a rúbrica de avaliación para asegurarvos de ter en conta todo o que se vos pide e lembrade practicar antes de facerdes a exposición definitiva.

Falar en público

.

.

Saber falar ben en público abre as portas aos nosos soños. Por iso, podedes facer as exposicións definitivas na aula ou, aínda mellor, no salón de actos diante de máis compañeiros e compañeiras. Coordinade a exposición deste traballo co realizado nas clases de Lingua castelá e Inglés. Será unha bonita viaxe por Europa!

ACTIVIDADES DE REFORZO E AMPLIACIÓN

ola!

 

O proxecto Cotovía pon á nosa disposición un material estupendo para afondar nos aspectos vocais da comunicación oral e mais nos aspectos visuais.