INICIO
Douche a benvida ó Linux MultiMedia Studio ou LMMS, un software multiplataforma e de código aberto deseñado para introducirte no mundo da creación e da produción musical dun xeito sinxelo e rápido.
Todo este material en forma de videotitoriais está pensado para o traballo co alumnado do nivel educativo de 4º ESO (arredor dos 15 anos) pero ben podería adaptarse para outros niveis anteriores ou posteriores.
Con certos coñecementos musicais xa interiorizados, é o momento de darlle vida ó noso imaxinario sonoro para abordar con certas garantías os traballos que precisen da música como elemento distintivo: acompañando imaxes ou traballos, formando parte dos nosos xogos e videoxogos... ou, en último caso, polo simple desexo de crear.
Este material didáctico aparece dividido en tres niveis de achegamento: Inicial (coñecementos teóricos básicos da interface), Medio (uso das ferramentas principais do programa) e Avanzado (para mellorar os nosos traballos coas utilidades máis complexas). Espero que che sirva de axuda para introducirte e asentarte neste apaixonante mundo que é o da creación musical como suxeito activo, en primeira persoa.
Jorge J. Suárez Navia - Xuño 2017
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0