O cifrado melódico e harmónico
A tonalidade é un sistema de sons e de acordes que se organizan de maneira xerárquica, e no que a primeira nota da escala principal ocupa un lugar preferente, aparecendo con máis frecuencia e duración que o resto, e ocupando os lugares máis importantes das obras, como as partes fortes do compás, os comezos ou os finais. Esta nota chamada tónica actúa como unha especie de eixo sobre o cal orbitan o resto de sons da escala. Cando dicimos que unha peza está na tonalidade de Do maior significa que a nota do e o acorde de Do maior son esa nota e acorde centrais.
Cifraremos esta nota co número un cun acento circunflexo por enriba ( 1), mentres que para o acorde empregaremos o número romano correspondente (I). Lembra que para diferenciar o modo de cada tonalidade usaremos o nome da nota escrito con maiúsculas para o maior, e con minúsculas para o menor.

As notas de tónica e de dominante
Fíxate como neste Lied de Mozart o mi♭ e a nota de máis duración (c. 4), soe ocupar as partes fortes do compás (cc. 4, 9 e 10) e a melodía tende a dirixirse cara a ela coma no final (c. 10). É o son de tónica da tonalidade principal.
W.A. Mozart. An Chloe KV 524, cc.1-16
A segunda nota máis importante da tonalidade, a dominante, nome que provén do latín dominus, e que quere dicir “señor” ou “soberano”. Esta nota, que ocupa o 5º lugar da escala tamén ocupa un lugar importante nas melodías tonais. Fíxate a de veces que aparece esta nota na canción de Mozart.
Xa nos orixes da musical occidental, a modalidade, o sistema musical anterior a tonalidade, dispón de eixos melódicos sobre os cales xiran as pezas musicais. Estas “tónicas” do canto gregoriano chamábanse finalis e, o igual que na tonalidade, determinaban o nome do modo eclesiástico no que estaba a peza. Ademais a finalis tamén ocupaba un lugar destacado no canto, xa que soe comezar e rematar nela. Por outra banda, a nota equivalente á dominante ( 5) sería a nota de repercusión ou repercussio, tamén chamada corda de recitación ou nota tenor que é o son sobre a que se desenvolve a salmodia, e dicir, a recitación no canto gregoriano. Na peza Puer natus est o re desempeña este papel e ademais está a distancia de unha 5ª con respecto a finalis sol.
Puer natus est (Introito da Misa de Nadal)
O acorde de tónica e a función de tónica
Do mesmo xeito que existe unha nota central que prevalece nas melodías tonais, tamén temos acordes de tónica que mandan nas estruturas harmónicas. Escoita de novo a canción de Mozart, pero centrando desta vez a atención nos acordes de primeiro grao que aparecen no acompañamento de piano. Para ilustrar graficamente as funcións harmónicas de tónica empregaremos unha cor azul clara.




