
Os sons da nosa contorna poden funcionar como elementos de identificación ou de diferenza. Os espazos e lugares que habitamos posúen as súas propias acústicas e os diferentes sons contribúen a crear unha identidade propia a través do que escoitamos e nos sona familiar conformando unha paisaxe sonora.
Existen moitas formas de describir o que é a paisaxe sonora dependendo da disciplina ou campo de estudo no que nos movamos pero, basicamente, e en termos xerais, este concepto alude aos sons que nos rodean.
Estes sons nunca pasaron desapercibidos para os oídos de escritores e músicos que deixaron constancia deles na literatura e na música. Pensa nos concertos de Antonio Vivaldi que forman as súas Catro Estacións, en O Mar de Claude Debussy ou en Pacific 231 de Arthur Honegger, por citar só algúns exemplos moi coñecidos.
Antonio Vivaldi, Pacific 231 e Marine, Pourville de Claude Monet (CC BY 4.0)
Ao longo do século XX irase desenvolvendo, máis aló de sons significativos e organizados como a música ou a fala, unha sensibilidade cara outras sonoridades, ata ese momento, irrelevantes tanto dende a ciencia acústica como dende a experimentación sonora.
Pero non foi ata finais da década dos anos 60 do século pasado cando nos traballos realizados polo World Soundscape Project aparece o termo de paisaxe sonora para definir a eses sons que escoitamos habitualmente e que definen e, en ocasións, condicionan, a nosa vida, eses sons que moitas veces nos mesmos producimos e escoitamos e que son parte da nosa historia, identidade e memoria, levando asociados incluso múltiples emocións.
O World Soundscape Project tiña como finalidade "investigar o desenvolvemento histórico do son, propoñer unha metodoloxía flexible que se poida aplicar a medio ambientes específicos en calquera lugar e, en consecuencia, participar na interpretación da paisaxe sonora mundial como un todo" así como o "recoñecemento e preservación dos sons importantes e socialmente significativos, dos sons antigos ou do pasado recente en vías de desaparición, a recompilación de información transcultural sobre preferencias e fobias sonoras individuais, así como sobre os diferentes comportamentos asociados á produción sonora" (Langlois).
A proposta deste grupo de investigadores da Universidade Simon Fraser (Vancouver) liderado por Barry Truax, Hildegard Westerkamp e Murray Schafer veu así a dotar dun discurso científico e social a toda unha serie de sensibilidades contemporáneas que ata ese momento manifestáranse, case exclusivamente, nos círculos da música e a arte contemporánea. Se vas a esta web podes escoitar algúns dos sons que formaban parte do primeiro estudo que fixeron da súa cidade.
Será o libro do propio Murray Schafer, The Soundscape, publicado por primeira vez en 1977, o primeiro intento por articular unha disciplina sonora que, afastada, polo menos en principio, de criterios estéticos, proporciona ferramentas para a análise da paisaxe sonora partindo da súa descomposición en elementos. A intención última deste traballo era articular o Deseño Acústico como "unha interdisciplinaria na que músicos, físicos acústicos, psicólogos, sociólogos e outros estudarían xuntos a paisaxe sonora do mundo para poder facer recomendacións intelixentes sobre o seu mellora" (Schafer).
Barry Truax dicía da paisaxe sonora que era un ambiente acústico que adquire sentido en relación a un ou máis persoas que o escoitan. Por outra banda, autores como Paul Rodaway a definen como "o medio ambiente que rodea o sensible. O oínte, ou o que escoita, está no centro da paisaxe sonora. É un contexto que nos envolve, formado xeralmente polos sons que proveñen de diferentes direccións e con distintas características" destacando o seu carácter inmersivo.
