
Dicía o xeógrafo Yi-fu Tuan que "Unha experiencia implica tempo. O sentido de lugar de cando en cando adquírese de pasada. Coñecer un lugar ben require estancias longas e unha implicación profunda. É posible apreciar as calidades visuais dun lugar cunha breve visita, pero non como cheira nunha mañá xeada, como os sons da cidade reverberan a través das amplas rúas para desembocar na gran praza, ou como o pavimento queima a través das zapatillas de deporte e derrete as rodas das bicicletas en agosto. Coñecer un lugar é tamén coñecer o pasado".
Como explicaba Bernie Krause na súa presentación no anterior apartado podemos facer unha división dos elementos que forman a paisaxe sonora en tres grandes bloques:
| Xeofonías | Sons non biolóxicos, como pode ser o son producido polo vento ou polo discorrer da auga |
| Biofonías | O conxunto de sons que fan as diferentes especies que forman parte dun hábitat |
| Antropofonías | Aqueles outros sons producidos polos humanos. Dentro deste grupo podería facerse unha división entre aqueles organizados, como a música ou a linguaxe, e aqueles que son froito doutras actividades e que catalogamos tradicionalmente como "ruído". Se o analizamos nun sentido máis amplo, en realidade esta categoría podería considerarse un caso especial de biofonía xa que falamos dunha especie |
Se ben esta é unha división útil, especialmente se o que queremos é facer unha análise poñendo o acento no aspecto ecolóxico, é moi xenérica e quizás poidamos profundar máis a través dalgúns conceptos expostos por Murray Schafer.
| Tons (keynotes) | "Son aqueles sons creados pola xeografía e climatoloxía: auga, vento, bosque, plantas, insectos e animais. Algúns destes sons poden posuír un significado arquetípico" |
| Sinais (signals) | "Aqueles sons que escoitamos porque constitúen mecanismos acústicos de aviso: campás, chifres, sereas, bucinas. Sinais sonoros que, a miúdo, se poden organizar en códigos bastante elaborados que permiten mensaxes de considerable complexidade" |
| Marcas sonoras (soundmarks) |
"Provén da idea de landmark e refírese ao son dun grupo que é único ou que posúe calidades que o fan especialmente significativo ou destacado para a xente desa comunidade" |
Aquí, por exemplo, Schafer fai xa unha apreciación cultural sobre a relevancia de certos sons como son as marcas sonoras que confiren unha identidade a un espazo concreto como podería ser o son das campás do teu pobo, se é que aínda sonan. Referíndose a esta marca Alain Corbin definía o seu uso no século XIX en Francia do seguinte xeito:
"O impacto emocional dunha campá axudaba a crear unha identidade territorial entre aqueles individuos que vivían no alcance do seu son. Cando escoitaban o seu repique, veciños, habitantes, e aqueles que se atopaban 'nos mercados' no centro dos antigos pobos, experimentaban a sensación de estar arraigados nun espazo do que carecía o proletariado urbano emerxente [...] O campanario prescribía un espazo auditivo que se corresponde cunha noción concreta de territorialidade, aquela obsesionada co coñecemento mutuo".
A propósito de campás, aquí podes escoitar algúns sons dos diferentes toques de campás dalgunhas localidades de Galicia.
Xurde aquí outro concepto moi interesante, o de Comunidade sonora, definida por Barry Truax como "calquera paisaxe sonora no que a información acústica desempeña un papel persuasivo na vida dos seus habitantes [...] Os límites da comunidade son arbitrarios e poden ser tan pequenos como unha habitación ou tan amplos como unha comunidade urbana ou calquera outro sistema de comunicación electroacústica".
Voltando á clasificación dos sons, máis alá de definir estas tipoloxías sonoras, Schafer fai unha clasificación moi extensa dos tipos de sons que poden ser de utilidade especialmente cando queremos analizar a paisaxe sonora dende diferentes ámbitos. Aquí tes un resumo desta clasificación, aínda que, como verás, é algo estraña xa que crea algúns grupos asimétricos como o de paxaros, animais e insectos.
| SONS NATURAIS |
Sons do principio do mundo Sons da apocalipse Sons da auga (océanos, mares, lagos, etc.) Sons do ar (vento, tormentas, tronos, etc.) Sons da terra (terremotos, covas, árbores, etc.) Sons do lume (volcáns, fachos, mistos, etc.) Sons dos paxaros (pichón, buho, alondra, etc.) Sons de animais (cabalos, cans, gatos, etc.) Sons de insectos (mosquitos, abellas, grilos, etc.) Sons de peixes e criaturas mariñas (baleas, tartarugas, golfiños, etc.) Sons das estacións (primavera, verán, outono e inverno) |
| SONS HUMANOS |
Sons da voz (falar, chamar, gritar, etc.) Sons do corpo (latexo, respiración, pisar, etc.) Sons da roupa (vestirse, poñerse xollas, etc.) |
| SONS E SOCIEDADE |
Paisaxes sonoras rurais (Africa, Asia central, Europa, etc.) Sons das vilas (Africa, Asia central, Europa, etc.) Sons das cidades (Africa, Asia central, Europa, etc.) Sons marítimos (barcos, botes, portos, etc.) Sons domésticos (cociña, comedor, dormitorio, etc.) Sons de viaxes, profesións e oficios (carpinteiro, ferreiro, etc.) Sons de factorías e oficios (banco, xornal, etc.) Sons de entretementos (teatro, radio, deportes, etc.) Música (instrumentos musicais, música na rúa, bandas, etc.) Cerimonias e festivais (música, fogos de artificio, marchas, etc.) Parques e xardíns (fontes, concertos, paxaros, etc.) Festivais relixiosos (Grecia Antiga, Bizancio, Roma, etc.) |
| SONS MECANICOS |
Máquinas Equipos industriais e equipo nas fábricas Máquinas para a transformación Máquinas bélicas Trens e tranvías (locomotoras a vapor, locomotoras eléctricas, etc.) Motores de combustión interna (automóbiles, camións, motos, etc.) Artefactos volantes (reactores, helicópteros, foguetes, etc.) Construción e demolición (compresores, taladros, martelos, etc.) Ferramentas mecánicas (serras, pulidoras, etc.) Ventiladores e acondicionadores Instrumental de guerra e destrución Maquinaria agrícola (máquina de trillar, tractor, etc.) |
| SILENCIO E CALMA | |
| O SON COMO INDICADOR |
Campás e gongs (igrexa, reloxo, etc.) Bucinas e chifres (tráfico, botes, trens, etc.) Sons do tempo (reloxo, toque de queda, etc.) Teléfonos (Outros) sistemas de alarma (Outros) sinais de pracer Indicadores de acontecementos futuros |
Outro concepto interesante que traballa M. Schafer no seu libro e o de paisaxes de alta calidade ou fidelidade (hi/fi) e paisaxes de baixa calidade ou fidelidade (lo/fi). Nesta lectura da paisaxe sonora ten de novo un grande peso a ecoloxía e a idea de considerar a calidade dun medio ambiente en función dos diferentes elementos que conviven nel. É dicir, canta máis variedade de especies compartan un espazo, mellor será a calidade do mesmo. Se aplicamos isto ao son, e o consideramos como un indicador, canto maior variedade de sons podamos escoitar nunha paisaxe sonora esta se considera de alta fidelidade (hi/fi) e cantos menos de menor fidelidade (lo/fi).
