Normalmente avaliamos se os nenos e nenas acadan os obxectivos que nos propoñemos, pero tamén reflexionamos sobre o proceso de aprendizaxe que seguimos para a súa consecución. Cada vez que empregamos as novas tecnoloxías deberiamos facer isto último. Todo medio, recurso ou procedemento de actuación inflúe no resultado e forma parte del, para ben ou para mal. Así, o uso dun programa concreto vai permitir, ademais de acadar unha metas de coñecemento da lingua inglesa, familiarizarse ou perfeccionarse no uso desa ferramenta. En principio, unha cousa non está en conflito coa outra pero deberiamos pararnos a reflexionar neste punto, porque ante todo somos mestres de inglés; se o uso dunha ferramenta tecnolóxica vai facer que a aprendizaxe lingüística quede nun segundo plano, teriamos que pensar en facer algunha modificación. De todas maneiras, sempre que incorporamos unha actividade nova, imos sufrir a desvantaxe de que os alumnos non estean familiarizados con ela. Iso non implica que non poidamos empregala. Todo require unha práctica e isto vainos pasar con calquera recurso, non soamente coas TICs. E igualmente podemos dicir do mestre: non vai ser igual o ritmo de creación dunha actividade empregando Hot Potatoes por primeira vez que despois dun tempo de práctica. Tampouco todo ten que ser negativo. Outros mestres no colexio poden estar interesados no uso das novas tecnoloxías cos alumnos, o que nos permitirá compartir o peso da tarefa e favorecerá o dominio rápido das mesmas por parte dos estudantes. Outro aspecto moi importante a ter en conta é a motivación. A igualdade de resultados, parece claro que nos deberemos inclinar por aquelas actividades que máis atraen a atención dos rapaces e rapazas porque é unha forma de asegurarnos o éxito na aprendizaxe. En todo caso nós temos a responsabilidade de decidir tendo en conta: o alumnado que temos, os medios con que contamos, os obxectivos que desexamos acadar, o tempo do que dispoñemos, as destrezas previas necesarias, a motivación...
|