Saltar navegación

1. Descrición xeral

Cortocircuito informativo

Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar o alumnado ao concepto de enerxía na materia de Física e Química de 2º de Educación Secundaria Obrigatoria. O obxectivo é promover un pensamento científico mediante a análise de diferentes informacións nos medios de comunicación sobre enerxía, as súas fontes e os usos domésticos e industriais desta.

Nesta situación de aprendizaxe, "Cortocircuito informativo", o alumnado comeza identificando que a enerxía é un concepto físico presente na súa vida cotiá e moi relevante a nivel social e medioambiental. Presentarase o reto que consistirá, traballando en equipo, en redactar un artigo de prensa científico, baseado en fontes de información fiable, sobre enerxía.

Na etapa "Reconectando", o alumnado revisará os contidos sobre enerxía xa traballados na Educación Primaria, principalmente a clasificación das fontes de enerxía en renovables e non renovables. Tamén se revisarán os contidos introducidos nas primeiras unidades desta materia e curso sobre ciencia e falsa ciencia. Posteriormente, en "Radiografía energética", coñecerán as diferentes formas na que se presenta a enerxía, as súas unidades e propiedades así como tamén as principais fontes das que se obtén a enerxía que se emprega en Galicia e en España. Tamén se estudará o calor como forma de transferencia da enerxía. Todos estes contidos estarán conectados a través das informacións que se publican sobre eles nos medios de comunicación (prensa, canles de YouTube etc.).

O reto remata en "El dato verificado", onde se aplicarán os coñecementos adquiridos para elaborar o produto final que consiste na escritura dun artigo periodístico sobre os aspectos traballados neste recurso. 

Finalmente en "Publicación" cada grupo de traballo presentará e defenderá o seu artigo.

Ao longo deste proceso traballaranse as formas de enerxía, con especial énfase na enerxía mecánica, e as propiedades desta. Ademais, reflexionarán sobre o impacto da obtención da enerxía, á vez que adquiren coñecementos, destrezas e habilidades necesarias para introducirse na metodoloxía científica.

A finalidade é achegar o estudo da enerxía ao alumnado para afrontar os problemas da sociedade actual e posuír unha comprensión máis profunda do seu entorno.

As metas de aprendizaxe son: 

  • Identificar e analizar problemas relacionados coa enerxía no seu contorno máis próximo.
  • Buscar, seleccionar e contrastar información sobre enerxía procedente de distintos medios de comunicación, distinguindo a información fiable da manipulada ou sensacionalista.
  • Interpretar e representar datos reais sobre enerxía en diferentes formatos sacando conclusións a partir destes.
  • Comparar diferentes fontes de enerxía, analizando o seu impacto ambiental.
  • Redactar un artigo de prensa con estrutura adecuada e empregando linguaxe científica.
  • Traballar en equipo, distribuíndo as tarefas e tomando decisións de xeito consensuado.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)