Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recomendacións que o profesorado pode ter en conta para un maior aproveitamento deste recurso educativo.

Motivación para a abordaxe do REA

Este recurso parte da formulación dun reto que pode ser motivador para o alumnado, e que se ten que conseguir que o sexa para o máximo aproveitamento e unha mellor aprendizaxe.

O reto consiste en facer (idear, preparar e emitir) un cómic, polo que é importante amosarlles ás rapazas e aos rapaces exemplos de cómics en galego variados e que lles poidan resultar atractivos. No REA preséntanse algúns exemplos, mais é importante que o profesor ou profesora, tendo en conta o grupo que ten, seleccione, valore outras opcións etc.

Recursos necesarios

Ademais dos recursos propios da clase (ordenadores, caderno, etc.) outras cuestións que cómpre ter en conta son:

  • O ideal é que a realización do cómic sexa en papel e poida ser impreso no centro educativo para a súa distribución.

Proposta de agrupamentos para as actividades

Ao longo das distintas fases deste REA propóñense tarefas individuais, en parella ou en grupos de tres persoas. Todo o traballo, tanto o individual como en grupo, é necesario para a aprendizaxe e para acadar o reto proposto.

  • Individual: son tarefas de traballo e aprendizaxe de contidos, produción escrita, reflexión no Diario de aprendizaxe etc. É un traballo necesario tanto para a aprendizaxe persoal como para poder acadar en conxunto o reto.
  • Parella: diferentes tarefas encamiñadas a desenvolver os contidos da materia.
  • Grupos de tres: boa parte do traballo desenvólvese en agrupamentos de tres alumnos/as, polo que é necesario que o profesor ou profesora decida o método para formar as agrupacións de acordo ao coñecemento do seu alumnado, para que, ao mesmo tempo, traballen comodamente, se fomente a integración, se teñan en conta os distintos perfís, se procure o equilibrio entre grupos etc. Para unha mellor optimización do funcionamento deste grupos pódense distribuír roles dentro del, aínda que cómpre indicar sempre que a responsabilidade é do conxunto, que non é simplemente un reparto de tarefas.

Produto final

O produto final é a creación dun cómic. A intención diso é que, por un lado, sexa algo motivador desde o principio e, por outro, que o resultado sexa visible e valorado (polo propio alumnado, polo profesorado e por outro alumnado que poida participar como público), de aí que recomendamos sexa difundido mediante o centro educativo.

Ademais, como final do proceso que é, mediante a banda deseñada pódese comprobar a evolución da aprendizaxe en todos os sentidos: dos contidos concretos traballados, da expresión oral, da expresión escrita, da coordinación de traballo cooperativo etc.

Enfoque multinivel do reto

Como é lóxico e normal, en cada aula hai individuos moi variados e puntos de partida moi distintos, algo que este REA ten en conta. En primeiro lugar, ao seren todas as fases para chegar ao reto o suficientemente abertas para que o profesorado poida regular a intensidade do traballo e o nivel de esixencia individual, por exemplo, nas reflexións por escrito, na redacción de guión, na gravacións, na comunicación oral etc.

Ademais, con respecto ás tarefas e actividades presentadas ao longo do REA, nalgúns casos tamén se presentan varias opcións de dificultade, para que cada rapaz ou rapaza poida adaptar o traballo ao nivel de afondamento ou complexidade que necesita.

Finalmente, no tocante ao reto, o enfoque multinivel está presente no propio enfoque da situación de aprendizaxe: o alumnado escollerá se adaptar unha historia ou crear unha historia orixinal para o guión da banda deseñada, de xeito que a complexidade que este presente será marcada por eles mesmos e poderá graduarse en función dos seus perfís. Ademais, tamén se presenta de maneira multinivelada a exposición da banda deseñada, dando a opción de realizar a súa presentación a través do formato en papel ou dixital.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)