Metodoloxía
A metodoloxía do Recurso Educativo Aberto (REA) "Viñetas en movimiento", que aborda o estudo dos movementos dentro da seguridade viaria, está deseñada para proporcionar unha aprendizaxe significativa, experimental e inclusiva. Baixo o marco do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), búscase eliminar as barreiras ao coñecemento, garantindo que todo o alumnado poida desenvolver o seu pensamento crítico e a súa curiosidade científica a través dunha situación de aprendizaxe vinculada á realidade, mediante a realización de actividades secuenciadas e orientadas á consecución dun reto final.
Indagación e experiencia científica: o recurso non se entende como unha acumulación de fórmulas, senón como un proceso dinámico de observación, análise e proba, integrando prácticas de laboratorio e experiencias en contornas virtuais onde o alumnado debe formular hipóteses, deseñar pequenos experimentos e recoller evidencias. Este enfoque permite conectar os conceptos abstractos con fenómenos cotiáns, convertendo a ciencia nunha ferramenta útil para comprender o mundo, tendo en conta os principios do método científico.
Métodos pedagóxicos: a aprendizaxe articúlase en torno a "situacións-problema" que esixen ao alumnado investigar e colaborar para atopar solucións. Ademais, para dinamizar a aprendizaxe combínanse diferentes métodos segundo a natureza do contido. En conceptos básicos xa familiares, o alumnado revisará materiais previos para recordar coñecementos. Aa exposición dos contidos realízase mediante material interactivo, buscando que o alumnado se implique en intervencións ordenadas, utilizando ademais exemplos prácticos e modelos de resolución que serven de guía para que o alumnado poida afrontar as tarefas de xeito autónomo.
Traballo colaborativo e cooperativo: foméntase o traballo cooperativo mediante o deseño de tarefas grupais. Esta interacción entre iguais facilita a comprensión de conceptos complexos, e tamén reforza valores como a responsabilidade, a empatía e a xestión de conflitos, mellorando e desenvolvendo as súas competencias. A ciencia preséntase como unha construción social en constante evolución, promovendo unha cultura científica que reduce fendas e fomenta a equidade.
Aplicación do DUA: recoñécese que cada estudante ten un ritmo e unha forma de aprender única. Por iso, este recurso concreta a atención á diversidade a través de múltiples formas de representación, ofrecendo a información en diversos formatos, clarificando o vocabulario científico e a simboloxía matemática; múltiples formas de acción e expresión para que o alumnado demostre os seus logros a través de diferentes medios, dende informes escritos ata comunicacións orais ou producións dixitais, e múltiples formas de implicación, deseñando actividades que permiten ao alumnado tomar decisións sobre a súa propia aprendizaxe, aumentando o seu interese e motivación.
Recursos e avaliacións flexibles: este recurso desenvolve unha aprendizaxe híbrida que combina actividades interactivas con actividades non interactivas, utilizando recursos tanto tradicionais como dixitais para potenciar a autonomía e a interacción do alumnado. Así mesmo, garántese a flexibilidade avaliativa ao permitir que os estudantes elixan, sempre que sexa posible, entre diferentes vías de avaliación.