Saltar navegación

3. Guía de uso

Club a golpe de tecla

O REA "Club a golpe de tecla" propón unha situación de aprendizaxe colaborativa na que o alumnado deberá elaborar e maquetar a documentación dun club de recreo, facendo un uso funcional e aplicado dun procesador de textos de software libre, neste caso particularízase no LibreOffice Writer. Ao longo do proceso de resolución do reto, o alumnado traballa en pequeno grupo, asumindo responsabilidades compartidas e tomando decisións sobre como organizar, estruturar, presentar e elaborar  a documentación do club que están a crear.

A secuencia didáctica do REA consta das seguintes fases:

  • Fase 1: motivación → Introdución ao reto e contextualización da constitución dun club de recreo para o tempo de lecer no centro educativo, establecendo a necesidade de comunicar a información relativa ao club mediante a documentación elaborada empregando un procesador de textos. 
  • Fase 2: exploración → Revisión dos coñecementos adquiridos previamente sobre formatos e xestión de arquivos, así como sobre o manexo básico do procesador de textos LibreOffice Writer, partindo dos coñecementos previos do alumnado.
  • Fase 3: conexión → Introdución progresiva de novos contidos relativos ao manexo avanzado do procesador de textos LibreOffice Writer. Estes novos contidos céntranse no uso correcto de formatos, estilos e ferramentas que permiten dar estrutura, organización e coherencia aos documentos. Ao longo desta fase, o alumnado traballa a aplicación de formatos directos, así como de estilos de xeito automatizado e a súa modificación e actualización, facilitando os cambios globais na documentación. Alén diso, abórdanse aspectos relativos á estrutura do documento, como as viñetas, numeracións ou as quebras de páxina que permitan organizar correctamente o seu contido. Outras ferramentas de organización de información, son o uso de táboas ou os cadros de texto. Ademais, o alumnado aprende a traballar con imaxes, formas e elementos multimedia, facendo fincapé na súa integración co texto. Todo isto sempre tendo en conta criterios de accesibilidade á información, considerando a tipografía, efectos e o contraste de cores. 
  • Fase 4: reto final → Elaboración da documentación do club mediante a aplicación de formato de carácter e parágrafo, o uso correcto de estilos, a inserción de táboas, imaxes, formas, elementos multimedia, así como o número de páxina para no final desta fase crear o índice automático do documento e a portada. 
  • Fase 5: conclusión → Exposición e posta en común dos documentos elaborados por cada equipo a través dunha feira de clubs, ben en formato presencial ou virtual, acompañada dun proceso de autoavaliación e coavaliación.

Nos seguintes apartados detállanse diferentes orientacións didácticas para o profesorado, así como as recomendacións de uso deste recurso e diferentes recursos e solucións que poden empregar no uso diario deste recurso educativo aberto na aula.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)