Saltar navegación

3. Guía de uso

A gran selección galega

O REA "A gran selección galega" propón un enfoque global e práctico para traballar os contidos de Educación Física a través de retos cooperativos, habilidades con pas e modalidades do atletismo. O alumnado enfróntase a un reto común: elaborar un breakout en equipo, no que deberán superar desafíos físicos e cooperativos para seleccionar un Comité Olímpico Galego simbólico; demostrando coordinación, forza, resistencia, espírito de equipo e reflexión sobre hábitos saudables e deportividade.

Ao longo da situación de aprendizaxe, o alumnado participa de forma activa en actividades de exploración, práctica, planificación e realización dos retos; asumindo diferentes roles e responsabilidades. O traballo desenvólvese de maneira progresiva, combinando momentos individuais e grupais, e culmina cunha proba final na que se integran todas as aprendizaxes realizadas.

Durante o REA, o alumnado apoiarase en recursos como o diario de aprendizaxe, que favorecerá a reflexión persoal e grupal; así como en guías e rexistros que lle axudarán a organizar o traballo, avaliar o proceso e mellorar o resultado final.

Trátase dunha proposta flexible, que permite ao profesorado adaptar tempos, espazos, agrupamentos e recursos ás características do grupo e do contexto educativo. Os distintos bloques do REA están deseñados seguindo os principios do DUA, ofrecendo a información en diversos formatos e niveis de acceso, así como actividades multinivel que facilitan a atención á diversidade do alumnado.

Deste xeito, o REA ofrece ao profesorado unha proposta motivadora para traballar a Educación Física desde unha perspectiva activa, cooperativa e reflexiva, promovendo hábitos saudables, espírito de equipo e valores olímpicos; ao mesmo tempo que se fomenta a inclusión, a participación e a responsabilidade do alumnado.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)