Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

O desenvolvemento intelectual pode ser acelerado mediante o emprego de determinadas estratexias didácticas. Por iso, a metodoloxía de ensino en Lingua Galega e Literatura tratará de ser o máis activa posible e alternará traballos individuais con traballos cooperativos que melloren os vínculos entre o alumnado e mesmo favorezan as relacións interculturais, por suposto, incluíndo na mesma liña a ensinanza por competencias.

• O uso de distintos métodos que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, favorezan a capacidade de aprender por si mesmo e promovan o traballo en equipo.
• A realización de proxectos significativos para o alumnado e a resolución colaborativa de problemas, reforzando a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade.
• A énfase na atención á diversidade do alumnado, na atención individualizada, na prevención das dificultades de aprendizaxe e na posta en práctica de mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten estas dificultades.
• O uso de estratexias para traballar transversalmente a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, a competencia dixital e o fomento da creatividade, do espírito científico e do emprendemento.
• O desenvolvemento dos contidos gradual e progresivo de maneira que, ademais de incrementar a dificultade dos procesos e situacións comunicativas, tamén se vaian adquirindo habilidades máis complexas que propicien a aprendizaxe individual e autónoma.
• O traballo interdisciplinario e a coordinación con outros departamentos e equipos do centro.
• A potenciación do tratamento integrado de linguas (TIL), que se reflectirá na incorporación de nocións básicas dalgunhas linguas da Península Ibérica, especialmente da portuguesa, e que se fomentará con actuacións que lle faciliten ao alumnado galegofalante a intercomunicación nos dous idiomas (intercambios lingüísticos, concursos, glosarios bilingües/multilingües...). 
• A presentación de recursos dixitais en lingua galega que faciliten a busca de información, a revisión dos textos e a súa posterior divulgación, sempre con respecto aos dereitos de propiedade intelectual. 
• A énfase nas estratexias que fomenten a oralidade e as competencias activas, co fin de que o alumnado adquira as habilidades necesarias para expresarse correctamente nunha ampla variedade de situacións comunicativas (espontáneas ou planificadas) e de contextos (formais e informais). 
• A promoción dun modelo lingüístico afastado da castelanización e da deturpación para conseguir unha lingua de calidade, valorando o dominio do sistema fonético-fonolóxico tanto vocálico coma consonántico, o uso do léxico tradicional e o emprego das estruturas morfosintácticas galegas.
• A erradicación dos prexuízos lingüísticos derivados da situación sociolingüística de Galicia nos últimos séculos.
• A detección e eliminación dos usos discriminatorios e ofensivos da lingua.
• A proposta de obras e fragmentos de textos, literarios ou non, atendendo a valores socioculturais e éticos que promovan a defensa dos dereitos humanos e a conciencia ambiental. Tamén se deben abordar lecturas desde unha perspectiva de xénero. As charlas con escritoras e escritores, os clubs de lectura ou os obradoiros literarios resultarán unha boa ferramenta para afondar nestes contidos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)