ℝacionaliza tu monte
O REA "ℝacionaliza tu monte" fai un percorrido polos sentidos numérico e socioafectivo que corresponden ao curso de 3º da ESO.
O fío condutor é o coidado e o aproveitamento dos montes galegos.
O REA ten cinco fases ben diferenciadas:
- Descrición: Somos muy de monte.
- Exploración: No dejes el monte "a monte".
- Conexión: La cabra tira al monte.
- O reto final: El informe forestal.
- Conclusión: Valora nuestros montes.
Na fase 1, é onde se describe o reto e máis onde se crean os equipos de traballo. Introdúcese o contexto forestal e, ademais, enúncianse os obxectivos a acadar ao final do REA. Esta fase é motivacional e integradora, moi enfocada cara ao sentido socioafectivo.
Na fase 2, faise un repaso polos principais coñecementos abordados en 2.º da ESO sobre números racionais, potencias e raíces, contextualizados no eido da ordenación do territorio e o coidado do medioambiente.
Na fase 3, abórdanse os contidos do presente curso e faise unha inmersión na situación de aprendizaxe a través dalgunhas circunstancias que teñen lugar de maneira cotiá na xestión forestal, tales como a influencia da climatoloxía na evolución dunha explotación, a elaboración dun orzamento, a distribución xeométrica dunha plantación ou a valoración da madeira dunha masa forestal.
Na fase 4, póñense en práctica os coñecementos adquiridos para desenvolver o reto, consistente na elaboración dun proxecto forestal.
Na fase 5, ponse en valor o aprendido compartíndoo co resto da clase e, se cabe, con instancias superiores.
O substrato do REA
A intención das persoas elaboradoras é que o alumnado sexa consciente de como o uso das matemáticas optimiza a resolución da meirande parte dos problemas que xorden no ámbito da xestión forestal e facilita en grao sumo a toma de decisións. Búscase un pensamento racional e apoiado nos coñecementos que se relacionan co sentido numérico.
É tamén propósito esencial do REA potenciar o pensamento crítico e axudar á comprensión, conexión e memorización dos contidos a distintos niveis para que estean ao alcance de todo o alumnado. Ao longo do REA hai vídeos que motivan e fomentan a creatividade, así como imaxes cunha intencionalidade concreta segundo o contido e o contexto traballado. Ademais, todos os apartados conteñen introducións de contextos vinculados aos contidos e exercicios propostos.