Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner cREAgal

Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAgal do que forma parte.

Dende o punto de vista metodolóxico, este REA é fundamentalmente activo e participativo, favorecendo o traballo individual e colaborativo do alumnado na aula.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe son a base nas que se asenta a metodoloxía a seguir nesta proposta didáctica para que sexa activa e participativa.

Utilizaranse distintas metodoloxías, buscando a acción educativa máis axeitada en función do momento e os contidos que se van tratar, e que ademais sirvan para atender os distintos ritmos de aprendizaxe; tamén se intentará que a organización da aula sexa o máis axeitada para o desenvolvemento do traballo en equipo, sempre en coordinación co resto do profesorado.


Principios metodolóxicos:

Busca dunha aprendizaxe significativa: por distintos medios obterase información das ideas previas que posúe o alumnado para que, partindo deste coñecemento, cada alumna e cada alumno poida enriquecer, modificar e reorganizar os seus propios esquemas cognitivos.

Busca dunha aprendizaxe funcional: é moi importante que o alumnado coñeza a utilidade dos contidos tratados e, para conseguilo, introduciranse os contidos a partir de situacións problemáticas que o mesmo alumnado aplicará os coñecementos adquiridos á resolución de problemas.

Fomentarase a reflexión persoal sobre o proceso de aprendizaxe, de xeito que o alumnado poida valorar o seu propio progreso e corrixir os erros cometidos.

Promoverase a colaboración entre o alumnado, para que así sexa consciente das vantaxes de intercambiar información, unir esforzos e do apoio mutuo.

Métodos de ensino:

Os principios dos que se falou anteriormente serven de base para o proceso de ensino, pero non describen de maneira precisa e concreta como ensinar, de que forma organizar a aula e o alumnado, que métodos poñer en práctica etc. A continuación, concrétase máis este aspecto, presentando diferentes métodos para o ensino dos contidos propostos nesta programación didáctica.

A clase invertida: nalgunhas partes da materia xa coñecidas propoñeráselle ao alumnado que revise na casa certos conceptos básicos e utilizarase a aula para resolver dúbidas e practicar os ditos conceptos.

Métodos expositivos: fronte á mera transmisión de contidos (lección maxistral) buscarase a interacción co alumnado (lección comunicativa), buscando que se implique mediante intervencións espontáneas (ou provocadas pola persoa docente) de forma ordenada.

Métodos demostrativos: a diferencia deste tipo de métodos con respecto aos métodos expositivos radica en que a información se centra na explicación de exemplos prácticos que serven de modelo para a resolución de tarefas posteriores. En xeral, nas sesións introdutorias dos diferentes contidos, combinaranse métodos expositivos e métodos demostrativos.

Método titorial: a idea deste método é que o alumnado traballe de forma individual e acuda ao profesorado en busca de apoio e axuda para que este o guíe. As diferentes formas de comunicación a través de Internet, utilizando por exemplo a aula virtual do centro, facilitan a interacción continua co alumnado. Deste xeito, o alumnado pode achegar as súas dúbidas á persoa docente e esta pode transmitir diferentes tarefas de reforzo e ampliación aos contidos traballados na aula.

Método interrogativo: as preguntas son a forma de aprendizaxe a través da que se trata de implicar o alumnado. Pode haber preguntas introdutorias que guíen no desenvolvemento dun contido ou preguntas concretas que aparezan nas diferentes situacións problemáticas propostas do tipo: Que ocorre se cambiamos estas condicións nun problema determinado?. As preguntas son a guía da aprendizaxe e respondelas pouco a pouco conduce a traballar os contidos e a acadar os obxectivos da materia.

Tipos de actividades:

As actividades son os medios nos que toman forma os principios metodolóxicos nos que se basea esta proposta didáctica e concretan os métodos didácticos. Existen varios tipos de actividades e tarefas, en función do momento no que se levan a cabo e da intención educativa que teñan.

Actividades iniciais: a súa finalidade é coñecer as ideas previas do alumnado e ser unha motivación cara á aprendizaxe dos contidos que se desenvolvan a continuación.

Actividades de desenvolvemento: Son as tarefas que serven para traballar os novos contidos. Deben ser inicialmente máis estruturadas e guiadas para adquirir a base que permita realizar máis adiante actividades menos estruturadas e menos pautadas.

Actividades de reforzo e/ou ampliación: ante a realidade da existencia de diferentes ritmos de aprendizaxe e capacidades do alumnado faise necesario propoñer actividades de reforzo para traballar os contidos básicos; ademais débense propoñer actividades de ampliación para abordar contidos relacionados coa unidade pero non pensados para todo o alumnado.

Actividades de avaliación: calquera actividade pode ser avaliada mais poden programarse actividades que, de forma específica, teñan esa función avaliadora. Son, por tanto, actividades nas que se tratan os contidos e os criterios de avaliación que se queren valorar.

    Fonte

    Programación de exemplo da plataforma Proens, ano académico 2025-2026, Matemáticas de 3º de ESO (versión 1). Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Data da consulta: 26/01/2026.

    Feito con eXeLearning (Nova xanela)