Saltar navegación

TAREFA GRUPAL. Análise dun caso clínico en equipo

Análise dun caso clínico e exposición oral

Duración:
1 sesión + traballo equipo
Agrupamento:
grupos 2 - 4 persoas

Benvidos e benvidas , equipo médico do HospiVital.

Esta semana, seredes profesionais sanitarios en prácticas e teredes que axudar a diagnosticar un caso clínico.

Cada equipo recibirá un caso clínico simulado, baseado en síntomas, probas e situacións que poden acontecer na vida cotiá.

O voso obxectivo será obter un diagnóstico para a enfermidade, mediante a elaboración dun informe clínico. Ao rematar, será necesario preparar unha presentación dixital que vos axude a explicarlle ao resto de compañeiros e compañeiras o voso caso, nunha breve presentación oral. 

Recordade: ás veces as enfermidades comparten síntomas, e é importante afondar ben na investigación. Se é necesario, deberedes propoñer a realización de probas médicas adicionais, de forma xustificada. 

Na sección da "Sala de diagnóstico e probas clínicas" poderedes atopar algunha información que pode ser do voso interese como infografías sobre como interpretar análises de urina e sangue, tipos de probas médicas, medicamentos sintomáticos e específicos, etc. 

Ilustración dun equipo de colegas

Que tedes que facer como equipo médico? 

  • Asignar roles: escoller á persoa representante do voso equipo médico. 
  • Ler atentamente o caso clínico asignado.
  • Observade os síntomas, signos, antecedentes, e posibles pistas.
  • Investigar cal pode ser a enfermidade.
  • Buscade información fiable en libros de texto, webs recomendadas ou fontes científicas sinxelas.
  • Cubrir o informe clínico (ver documento anexo).
  • Recordade firmar o voso informe clínico.
  • Preparar a infografía/ presentación dixital.
  • Elaborar un guión coa vosa presentación oral.
  • Presentar de forma oral o voso caso clínico, empregando a presentación dixital como apoio. 


Obxectivos desta actividade:

  • Mellorar a comprensión lectora e científica.
  • Aprender a identificar signos e síntomas.
  • Fomentar o traballo en equipo e a comunicación oral.
  • Aplicar o coñecemento de bioloxía e saúde a situacións reais.
  • Mellorar a competencia dixital mediante o uso de ferramentas dixitais para procurar información e comunicar procesos, resultados e ideas científicas. 
  • Recoñecer e utilizar fontes de información científica fiable. 

 Avaliación da actividade. 

Esta tarefa será avaliada mediante unha rúbrica e pondera o 30% na nota correspondente a esta unidade didáctica. 

Na aula virtual e nos documentos anexos, poderás ver a rúbrica coa que se avaliará a actividade. 

Formato de entrega das evidencias da actividade. 

  • Un único arquivo para o informe clínico e outro para a presentación dixital. 
  • Entregar en formato pdf. 
  • A persoa que entregará as evidencias será aquela elixida como representante do voso equipo médico. 
  • Nomear o arquivo como ApelidosNome-Informe.pdf (Exemplo: GarciaGonzalezMatias-Informe.pdf)
  • Nomear o arquivo como ApelidosNome-Presentacion.pdf (Exemplo: GarciaGonzalezMatias-Presentacion.pdf)
  • Non é necesario entregar o guión da presentación oral, pero é recomendable preparar un para mellorar a vosa exposición oral. 

Feito con eXeLearning (Nova xanela)