A POESÍA DE ROSALÍA
A poesía de Rosalía
Lemos a poesía de Rosalía de Castro.
Reflexionamos sobre o que quería transmitir nas súas poesías.
Eliximos unha poesía para elaborar o noso cómic.
Miña casiña, meu lar
Rosalía pequeniña
Parece unha rosa
Rosalía cos rapaces
Algúns exemplos
Como chove miudiño
Como chove miudiño,
como miudiño chove;
como chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
Como a triste branca nube
truba o sol que inquieto aluma;
cal a cubre e a descubre,
pasa, torna, volve e sube,
enrisada branca pluma!
Xa, despois, lonxe espallada
polos aires fuxitivos,
desteñida, sombrisada,
nos espasos desatada,
cae brillando en raios vivos.
Misteriosa regadeira
fino orballo no chan pousa
con feitiña curvadeira,
remollando na ribeira
flor por flor, chousa por chousa.
Semellando leve gasa
que sutil o vento move,
en flotantes ondas pasa
refrescando canto abrasa
o que o sol ardente cubre.
Como chove miudiño
pols veigas de Campaña!
Cal se enxugan de camiño
os herbales de Laíño!
Como a Ponte en sol se baña!
Has de cantar
Has de cantar,
meniña gaiteira;
has de cantar,
que morro de pena.
Canta, meniña,
na beira da fonte;
canta, dareiche
boliños do pote.
Canta, meniña,
con brando compás;
dareiche unha proia
da pedra do lar.
Papiñas con leite
tamén che darei;
sopiñas con viño,
torrexas con mel.
Patacas asadas
con sal e vinagre,
que saben a noces.
Que ricas que saben!
Que feira, rapaza,
si cantas faremos...!
Festiña por fóra,
festiña por dentro.
Adiós ríos, adiós fontes
Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.
Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,
prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,
muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaíñas timbradoras
da igrexiña do lugar,
amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
caminiños antre o millo,
adiós, para sempre adiós!
Adiós, gloria! Adiós, contento!
Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conozo
por un mundo que non vin!