DESCRICIÓN DA UNIDADE
INTRODUCIÓN
A presente unidade didáctica, a número oito do proxecto "Mesma música; distinto son", emprega a piratería como eixe temático nunha aventura guiada, na que participaremos na procura dun tesouro agochado co conto motriz do "Pirata Dandoanota", afondaremos no coñecemento do aparello respiratorio construíndo unha "frauta salgada", aprenderemos a canción e o baile pirata empregando pictogramas e confeccionaremos a nosa propia bandeira. Deste xeito afrontaremos propostas didácticas relacionadas cos tres bloques de contidos (BLOQUE 1; ESCOITA / BLOQUE 2; INTERPRETACIÓN MUSICAL / BLOQUE ; MÚSICA, MOVEMENTO E DANZA) nunha mesma unidade con carácter globalizador.
OBXECTIVOS DIDÁCTICOS
- Reforzar o autocoñecemento do corpo e a súa motricidade, a nivel segmentario e global, a través dun conto motriz baseado na técnica de relaxación progresiva de Jacobson (series guiadas de contracción e descontracción muscular).
- Comprender o funcionamento do aparello respiratorio e as súas fases (inspiración-expiración), afondar nos elemento que compoñen o proceso e realizar secuencias de respiración guiadas para percibir a súa importancia no ámbito musical.
- Practicar a dixitación na frauta doce de maneira non convencional, alternando ciclos de respiración e dinámicas de control da columna de presión de aire.
- Coñecer o funcionamento e partes da frauta doce, realizando actividades de modificación supervisada das mesmas.
- Empregar os pictogramas como iniciación á lectura da linguaxe musical non convencional combinada nunha partitura.
- Aprender a canción "Danza Pirata" para a súa interpretación coa frauta doce e a percusión corporal.
- Interpretar unha danza de estrutura reexpositiva (carácter sumativo das partes novas) con tendencia á improvisación corporal.
- Empregar a técnica dos sonocolores para facilitar a lectura directa dunha partitura musical.
METODOLOXÍA
Aplicarase unha metodoloxía de autor específica por ámbitos, de forma que se recollen métodos didácticos pertencentes a correntes pedagóxicas distintas implementadas en función das necesidades específicas do proxecto. Estas aportacións metodolóxicas citadas son deseñadas e modificadas no eido de atribuirlle un compoñente lúdico de aprendizaxe, e adaptarse a cada realidade educativa. Nesta unidade (detallada en cada caso a súa localización ao final) podemos destacar as seguintes contribucións de autor:
- Método Jacobson (relaxación muscular progresiva)- E. Jacobson (1888-1983) // "O Pirata Dandoanota"
- Sonocolores- S. Aschero (1945 - ) // "Bandeira pirata"
- Pictogramas (musicogramas)- Jos Wuytak (1935 - ) // "Danza Pirata"
- Orquestra escolar Orff- C. Orff (1895-1982) // "Danza Pirata"
ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS
A figura docente está disposta neste proxecto como axente facilitador da aprendizaxe, de maneira que sexa o propio alumnado o protagonista do seu procedemento de ensino-aprendizaxe dende unha visión activa. O docente exercerá de mediador, con especial relevancia nos puntos de inicio (explicación das tarefas) e nas situacións de debate ou actividades grupais, tentando sempre limitar as súas intervencións na medida do posíbel.
O tempo de realización das propostas didácticas establecido, así como a distribución do espazo e a formación de grupos de traballo é orientativa, sendo susceptíbel de ser modificada a criterio docente en función das necesidades da súa realidade educativa.
Os métodos didácticos anteriormente citados poden ser tamén adaptados na práctica se así se considera, na procura de adecuar as actividades ao noso contexto próximo (dotación instrumental de aula, recursos materiais, coñecementos previos do alumnado...)
COMPETENCIAS CLAVE
- Comunicación lingüística (CCL): estará presente en tódolos intercambios orais que se desenvolvan na aula nos seus diferentes rexistros (espazos para o debate, exposicións). De forma concreta en tódalas actividades que potencian o uso da linguaxe en relación coa música; a realización dun conto motriz, a interpretación de cancións e danzas ou o coñecemento dun vocabulario técnico axeitado para referirse a conceptos relacionados co contido desta unidade.
- Aprende a aprender (CAA): mediante a inmersión do alumnado nun método de aprendizaxe activo, que implica a interiorización de conceptos tratados na aula dende unha perspectiva máis ampla, que permite a súa implementación en diferentes contextos. Desta maneira, o conto motriz, a canción e a danza que compoñen a parte práctica da unidade poden ser realizadas polo alumnado en contextos diversos como propostas lúdicas do tempo de lecer, favorecendo unha aprendizaxe significativa. De maneira específica, o conto con movemento asociado do "Pirata Dandoanota" potencia a relaxación e o autocoñecemento persoal, establecendo unha dinámica de control e predisposición ao clima de traballo a nivel individual e colectivo.
- Competencias sociais e cívicas (CSC): derivada dun comportamento axeitado nas distintas situacións de ensino-aprendizaxe durante o desempeño das tarefas, o traballo cooperativo e a aceptación e distribución dos roles de equipo durante a práctica musical conxunta.
- Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE): amósase tanto na práctica musical individual como colectiva, a través dunha predisposición por parte do alumnado para realizar as actividades. Cómpre destacar a importancia da improvisación (como recurso na danza) para potenciar a iniciativa e a participación activa no alumnado.
- Competencia dixital (CD): adquirida no emprego de aplicacións e plataformas específicas na rede para o desenvolvemento das actividades plantexadas nesta unidade.
AVALIACIÓN
O procedemento de avaliación desta unidade didáctica está baseado na aprendizaxe por descubrimento guiado, de maneira que é o discente o que realiza a súa autoavaliación interactiva e recibe en tempo real a retroacción correspondente a través da propia plataforma.
Debido ao carácter práctico desta disciplina artística, as tarefas propostas son deseñandas para executarse na aula e polo tanto cómpre aplicar un sistema de avaliación que reforce a observación directa por parte docente. Nesta epígrafe englobamos actividades como a práctica musical conxunta (movemento e danza), a modificación guiada de instrumentos escolares Orff (frauta doce), a realización dun conto motriz (método Jacobson) ou propostas para controlar o aparello respiratorio. Preséntanse tamén actividades complementarias de ampliación e reforzo, e contidos relacionados coa unidade nun formato despregable baixo o título "Sabías que?"
RECURSOS MATERIAIS
A continuación detállanse os materiais que precisaremos para completar as diferentes tarefas propostas dentro esta unidade didáctica.
Con carácter xeral: equipo de son, proxector ou pizarra dixital interactiva (PDI) e conexión á rede.
En tarefas determinadas:
"Frauta salgada"
- Frauta doce
- Cinta adhesiva
- Globo
"Bandeira pirata"
- Frauta doce
- Gomets de cores (vermello, laranxa, amarelo, verde, azul, lila e rosa). No seu defecto tamén podemos pintar o fondo de pegatinas de cor branco.
- Rotulador permanente negro
LICENZAS
Nesta epígrafe adxúntase o documento "Banco de recursos", no que se detallan todos os aspectos relativos á propiedade intelectual e atribución dos materiais empregados para deseñar esta unidade didáctica, xunto cos enderezos para poder consultar os repositorios web onde se atopan aloxados.