TAREFA 4 O DESEÑO FINAL DA NOSA DA GUÍA.
ACTIVIDADE 4.4 A trama de texturas antrópicas. Os asentamentos.

O traballo

Aquí daremos un salto, para situarnos no mundo dos “artefactos” do home, nos elementos presentes na paisaxe que son froito da súa actividade. Este relato, sempre inacabado, ten que ver coas necesidades básicas do ser humano: cobixo, recursos alimenticios e desprazamento sobre o territorio o, o que o mesmo: os asentamentos –hábitat-, os espazos produtivos e as infraestruturas de mobilidade.

Por este orde, poderemos montar o noso relato. Respecto aos asentamentos, segundo a tipoloxía identificada nas tarefas anteriores, é importante explicarlle ao visitante as razóns da ubicación dos “núcleos fundacionais”. É dicir, desvelar a lóxica de ocupación do espazo a mediados do século pasado; así como, as razóns que levaron recentemente á ocupación intensiva do territorio máis preto da costa.

Para o primeiro compre realizar, unha vez máis, un corte topográfico desde a ribeira do mar ata os cumios dos relevos que enmarcan a nosa paisaxe para comprobar en que lugar destas ladeiras tendidas se localizan os núcleos fundacionais. Uns núcleos que creceron ao carón das estradas principais.

E finalmente, para que entendas que mudou nos criterios de ocupación para que nos últimos anos ocupáramos espazos non produtivos pretos da primeira liña de costa .

Comprobarás como a trama urbana creceu apoiándose nas estradas cunhas formas e tipoloxías construtivas diversas; fronte a recentes urbanizacións de xeometrías nítidas alleas ás tipoloxías tradicionais sobre todo no espazo rural.

As nosas explicacións rematarán nalgúns exemplos salientables de “elementos construídos singulares”. Estes poderían servirnos: Ermida da Nosa Señora do Porto Exempo de Arquitectura relixiosa ou o faro de Meirás representativo de arquitectura civil contemporánea.

Para saber máis

“…O sistema tradicional comezou a mudar a partir da década dos anos sesenta do século pasado. A intensa emigración xerou o abandono de moitas leiras de cultivo polo que de paisaxes moi abertas, con escasa cuberta de bosques, sucedéronlle outros nos que as árbores foron gañando paulatinamente espazo de maneira especial a partir da década dos setenta coa ocupación masiva do territorio por parte dos eucaliptos en moitos lugares, sobre todo das Rías Altas e Golfo Ártabro. A este feito uníuselle a progresiva urbanización do territorio co auxe do turismo de praia.

Co turismo, os sistemas praia-duna ou as áreas lacustres deixaron de ser lugares pouco apropiados para construír e vivir para pasar a ser os sitios máis demandados pola súa proximidade ao mar. Debido a isto, ocupáronse os antigos prados, os sistemas dunares e mesmo se comezou a construír enriba dos cantís, en lugares nos que anteriormente non existía nada máis que unha cuberta vexetal de orixe natural.

Todo o anterior motivou que:

  • Nos últimos 30 anos, pasouse de paisaxes construídas sobre a idea da sustentabilidade, do valor do uso do solo en función da súa potencialidade, a outros elaborados a partir do seu valor de cambio, do prezo dos soares, que viña dado pola súa proximidade ou afastamento aos areais e non polo seu valor para cultivar
  • A modificación drástica das vellas paisaxes aparecendo outras totalmente diferentes que non conservaban ningún dos valores dos anteriores nin nos seus aspectos funcionais nin formais
  • O paso dunhas paisaxes claramente identificables como identitarias de Galicia, a outras que, na súa maioría, nada teñen que ver con estas e que, porén, son similares ás das costas doutras rexións europeas, co que se xerou unha perda de valor como patrimonio evidente, ao mesmo tempo que unha banalización da paisaxe. (…)”.
Fonte: Plan de Ordenación do Litoral (2011)

É interesante saber que na análise de calquera paisaxe poderedes atopar

  • Elemento caracterizador ou dominante. O que se repite nas paisaxes. Por exemplo, unha forma do relevo, de socalcos en ladeira, de cultivos, de xeometría do parcelario ou unha determinada tipoloxía arquitectónica nas vivendas pazos,muiños,etc.
  • Elemento singular. Aquel dos anteriores que pola súa importancia sobresae dun xeito nítido nunha paisaxe, outorgándolle singularidade