Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:

Recursos materiais necesarios

O REA foi concibido para facilitar que o profesorado poida axustar as propostas de traballo do alumnado aos medios dos que dispón o centro.

No referente á elaboración do documento no que se recolle o novo deporte colectivo, non se establece un método concreto de creación. En función do tipo de recursos dispoñibles, recoméndase o seguinte:

  • Sen recursos dixitais: empregar materiais propios da área de Educación Física ou outros de uso habitual na aula, como cartolina, papel e diversos materiais.
  • Con aplicacións sen conexión a Internet: utilizar LibreOffice para recoller os apuntamentos necesarios de cada contido.
  • Con servizos en liña: facer uso da plataforma da aula virtual, ou E-dixgal como soporte para o traballo colaborativo na creación dos produtos dixitais.

Enfoque multinivel do reto

Tanto os desafíos como as tarefas individuais preséntanse multiniveladas, con varias opcións. O profesorado escollerá o nivel de dificultade segundo o nivel de éxito acadado polo alumnado en cada caso. A variación dos seguintes elementos modificará ese nivel de dificultade de cada tarefa deportiva:

  1. Aumentar/reducir o número de xogadores/as.
  2. Aumentar/reducir o tamaño do espazo de xogo.
  3. Incluír ou non axudas (comodín) ao equipo atacante.
  4. Incluír ou non medios puntos, por accións ofensivas e defensivas secundarias ou incompletas.

Ademais, aquel alumnado lesionado terá actividades teóricas para facer, vinculadas aos contidos prácticos que se impartirán.

O reto final consistirá en crear un documento no que se recolla o regulamento do novo deporte creado. Antes,  alumnado será o encargado de organizar un torneo co deporte coletivo innovado e mellorado. Para elo terán que diseñar unha estructura de torneo cun calendario, arbitrar os partidos e colocar e organizar o material necesario. Por último, na fase 5, se pondrá en revisión este deporte e se farán melloras oportunas.

O profesorado pode orientar e recomendar actividades.

Diario de aprendizaxe

O diario de aprendizaxe preséntase como unha ferramenta de apoio á reflexión do propio alumnado, sen carácter avaliable. O seu obxectivo é promover que o alumnado pense sobre o que aprende e sobre como se produce ese proceso de aprendizaxe, en relación directa coa competencia de aprender a aprender. Ao mesmo tempo, resulta útil para o profesorado, xa que, aínda que non se trate dunha actividade avaliable, a análise dos diarios pode axudar a orientar e mellorar a práctica docente, adaptándoa ás características do alumnado.

Nel respóndense preguntas vinculadas ás aprendizaxes realizadas, así como ao proceso seguido e á súa valoración. Ao finalizar cada unha das fases, o alumnado ten unha referencia ao diario de aprendizaxe. Dadas as particularidades da nosa área, o diario está concibido para ser empregado de diferentes formas, en formato dixital ou manuscrito, e de maneira global ou dividido por fases, segundo o criterio do profesorado:

  • Opción A: o diario pódese imprimir en formato libro para que o poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
  • Opción B: o diario pódese imprimir por fases e ser entregado dividido como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
  • Opción C: o diario pódese realizar e editar directamente no ordenador (de telo), coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).

Preténdese garantir o máximo tempo de actividade motriz; por iso, aínda que a reflexión e a análise formen parte do proceso de aprendizaxe, é necesario planificar o seu uso do xeito máis axeitado, tendo en conta as características do alumnado, a súa tipoloxía, así como a infraestrutura do centro e os recursos tecnolóxicos dispoñibles, tanto no propio centro como nos fogares do alumnado.

Sesións de Educación Física de compromiso motor

As sesións de EF con compromiso motor estarán centradas na práctica de desafío de tipo cooperativo, de traballo da condición física, dos primeiros auxilios, da alimentación saudable, e do quecemento, principalmente; todo isto tendo en conta os diversos espazos para poder desenvolver as capacidades físicas básicas.

Por tanto, en cada unha das fases, especialmente na fase 3, contamos cun apartado "a practicar" na que aparecerán vídeos sobre diversos desafíos vinculados cos contidos, recalcando desta maneira a importancia do aspecto práctico da nosa materia.

A planificación das sesións que se describen no apartado "2.2. Temporalización" debe entenderse como unha proposta de organización que logo o docente deberá concretar segundo as características do alumnado, recursos e instalacións dispoñibles.

Modelos de sesión para a elaboración de sesións desta situación de aprendizaxe:

Acceso ao documento en PDF.

Acceso ao documento en formato editable.

Tratamento da diversidade

O REA do alumnado ten as opcións de lectura facilitada, audio e apoio visual como complemento para todo aquel alumnado que necesite máis opcións de comprensión que a principal que se ofrece. A maiores, debemos recordar que as sesións motrices tamén deben ter en conta o deseño DUA, polo que se recomenda elaborar as sesións tendo en conta as características do voso grupo clase.

Continuidade co curso anterior

Cabe destacar que o noso REA "O ADN dos deportes de equipo" garda unha continuidade co REA "DeporLab" de 1º ESO. Dámoslle seguimento a esta proposta retomando aprendizaxes e dinámicas xa traballadas no curso pasado, favorecendo a consolidación das habilidades adquiridas.

Esta progesión permite ao alumnado partir dun nivel coñecido, mellorando a súa confianza e participación nas actividades, facilitando unha evolución máis eficaz dos novos contidos.

Porque a pesar desta continuidade, introducimos outros novos deportes tanto convencionais como alternativos, de cara á análise dos regulamentos e á adaptación para a innovación e creación doutros novos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)