Saltar navegación

3. Guía de uso

¡Extra, extra!

O REA “¡Extra, extra!” ten como finalidade que o alumnado valore a importancia do coñecemento lingüístico como base para o desenvolvemento do pensamento crítico e a expresión da propia opinión, así como ferramenta que permite a creación de produtos artísticos e a toma de conciencia dos procesos de distorsión da información nos medios de comunicación. Deste xeito, non só se produce un enriquecemento reflexivo da propia lingua, senón que se desenvolven as habilidades precisas para participar nun proceso de aprendizaxe permanente a través da Internet.

A reflexión sobre a unidade textual fomenta a concienciación e consolidación da aplicación dos mecanismos de cohesión. Estes permiten producir artefactos tanto literarios como non literarios, que responden a diferentes intencións comunicativas e que se dispoñen para a súa difusión. O punto de partida é o acceso a diferentes mostras textuais reais que se empregan como obxecto de análise e modelo de reprodución. O uso da Internet como fonte de información permite analizar o papel que desempeñan os medios de comunicación na sociedade actual, aplicar os mecanismos de identificación de noticias falsas e detectar os usos discriminatorios da lingua co fin de erradicalos da propia expresión. O traballo individual compleméntase con actividades en parellas e reflexións grupais que potencian o pensamento crítico e conectan a realidade de aula directamente coa contorna inmediata do alumnado. En último termo, o feito de que este sexa o último REA do curso e de que o reto se materialice nunha publicación anual permite levar á práctica os coñecementos adquiridos ó longo de todo o curso.

Segundo o nivel de afondamento que cada grupo determine, poderá producir textos máis ou menos complexos, tanto literarios como non literarios, orais ou escritos -segundo o medio de elaboración e difusión que se acorde-; así como experimentar co deseño e maquetaxe da publicación segundo o formato escollido. Ademais da elaboración da publicación, a súa promoción mediante a composición de textos publicitarios en diversos formatos corresponde ó alumnado, polo que se encarga integramente do produto final.

O reto permite, pois, que o profesorado aborde cun enfoque competencial e motivador para o alumnado o uso da Internet, en xeral, e da lectura, en particular, como fontes de información e coñecemento, pero tamén como estímulo do pensamento crítico e da expresión do propio sentir.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)