Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

O deseño deste REA (Recurso Educativo Aberto) englóbase no marco pedagóxico do proxecto cREAgal. O seu obxectivo principal é ofrecer ao alumnado unha aprendizaxe significativa, baseada na resolución dun reto conectado coa realidade social (a defensa dos Dereitos Humanos, a liberdade e a loita contra os prexuízos e etiquetas) e que esixe a toma de decisións, a creatividade e o desenvolvemento da competencia comunicativa.

Desde o punto de vista metodolóxico, este recurso é fundamentalmente activo e participativo. A materia de Lingua Castelá e Literatura desenvólvese aquí a través dunha dobre dimensión: reflexiva (analizando os elementos da comunicación, as máximas conversacionais, o xénero teatral e o contexto histórico da xeración do 27 e as Sinsombrero) e creativa (escribindo textos dramáticos orixinais e deseñando unha campaña publicitaria). As situacións propostas están contextualizadas na vida diaria e buscan un impacto real na contorna a través dunha proposta de concienciación social: aprender os contidos curriculares mentres o alumnado se converte nun axente activo de cambio e defensa da liberdade.

Para iso, intégranse referencias á vida cotiá co fin de motivar o alumnado e facelo sentir parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe. Búscase un enfoque que sexa:

  • Contextualizado: o alumnado debe comprender que crea a súa campaña e o seu texto teatral para un público real, o que dota de sentido a todo o traballo de redacción, deseño e posta en escena.
  • Significativo: partimos da propia identidade do alumnado, das súas amizades e do recoñecemento dos prexuízos na súa contorna para construír novos coñecementos sobre a empatía, a comunicación e a literatura.
  • Funcional: búscase a utilidade práctica do aprendido (elementos do diálogo, linguaxe non verbal, regras de cortesía ou persuasión publicitaria) en situacións reais e eficaces de comunicación.

En canto á organización da aula e ás estratexias didácticas, este REA aposta por:

  • Agrupamentos flexibles: combínase o traballo individual (reflexión persoal, lectura e análise lingüística) co traballo cooperativo en pequenos grupos (as "axencias publicitarias") para a xeración de ideas, a planificación e a produción multimedia. Foméntase unha colaboración fluída onde o alumnado se apoia mutuamente na investigación, na escrita do guión e nos ensaios da posta en escena.
  • Atención á diversidade (DUA): o recurso persegue a accesibilidade cognitiva e a inclusión. Ofrécense materiais en múltiples formatos e un amplo abano de opcións para o produto final (ficción sonora, vídeo, representación en vivo, póster, fanzine, redes sociais...) que permite ao alumnado escoller a canle de expresión que mellor se adapte ás súas intelixencias, intereses e capacidades.
  • Avaliación formativa: a través do uso do diario de aprendizaxe, as dinámicas de traballo en equipo (como o folio xiratorio) e a coavaliación das presentacións finais, búscase que o alumnado regule e mellore as súas producións de xeito progresivo antes e despois do produto final.

Por último, é importante destacar que o desenvolvemento desta situación de aprendizaxe aspira a espertar no alumnado a sensibilidade estética e a capacidade expresiva, partindo do dominio teórico e práctico do texto dialogado e da linguaxe publicitaria. Búscase potenciar non só a imaxinación á hora de crear pezas teatrais, senón tamén a intelixencia emocional e a empatía necesarias para conectar coas realidades de colectivos vulnerables (como a comunidade xitana, as mulleres ou as persoas migrantes) e comprender o sufrimento xerado pola intolerancia. Así mesmo, preténdese fomentar un espírito crítico ante os prexuízos sociais e as obras literarias traballadas, adquirindo as destrezas precisas para empregar a palabra —tanto escrita coma oral e non verbal— como un poderoso instrumento de transformación persoal e comunitaria na defensa dos dereitos de todas as persoas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)